A Xunta blinda un urbanismo "á carta"

A oposición desmárcase da nova Lei de Ordenación do Territorio da Galiza.
Urbanización abandonada de Fadesa en Miño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Urbanización abandonada de Fadesa en Miño. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular botou man da súa maioría absoluta na Comisión de Ordenación do Territorio do Parlamento da Galiza para rexeitar o groso das emendas formuladas polas forzas da oposición e sacar adiante o ditame do proxecto de Lei de Ordenación do Territorio da Galiza. A norma, cuxa tramitación deu comezo na anterior lexislatura, foi recibida con fortes críticas desde as filas do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista da Galiza, que rexeitaron os contidos do texto lexislativo e advertiron da regresión que representa. Pola súa banda, o PP destacou que a nova lei simplifica a tramitación urbanística ao reducir as figuras de ordenación existentes e salientou que responde ás demandas do empresariado do sector da construción e da promoción inmobiliaria.

O PP defende a súa proposta ao marcar como obxectivo que todos os concellos conten cun plan xeral de ordenación municipal. A este respecto, existe unha coincidencia nos problemas xerados pola ausencia de instrumentos de planificación axeitados á normativa vixente na gran maioría dos municipios do país, porén moitos urbanistas responsabilizan a Xunta desta situación polas continuas modificacións na lexislación urbanística.

Tanto é así que o Goberno de Alberto Núñez Feixoo modificou en sete ocasións nos últimos anos as leis do solo de 2013 e 2017, aproveitando a aprobación de novos textos legais ou mesmo a través de leis de acompañamento dos orzamentos.

Os argumentos dos populares non convencen a nacionalistas nin socialistas. Así, a parlamentaria do BNG Alexandra Fernández considera que a nova norma fomenta “a especulación, o pelotazo urbanístico e o espolio” e amosa a súa preocupación pola incorporación da figura dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), coa que na súa opinión se antepón os intereses particulares por riba do interese xeral. “Este é o verdadeiro cabalo de Troia da lei, un mecanismo que permite reclasificar o solo por iniciativa privada e sen que sexa preciso ningún plan sectorial”, afirmou Fernández.

A figura legal dos PIA preocupa, tamén, nas filas do PSdeG. Neste sentido, o seu deputado Luís Álvarez sinala que a introdución dos “proxectos de interese autonómico” conformados “como instrumentos de ordenación directa por parte da Xunta” representan  “unha ameaza para a totalidade do territorio” e “lesionan o principio de autonomía municipal”.

Álvarez vai máis alá nas súas críticas e denuncia a ausencia de “criterios claros a prol da sostibilidade, o aforro enerxético, a rexeneración territorial, as actividades de baixo impacto territorial e sobre os recursos territoriais, o medio ambiente e a paisaxe”.

A deputada nacionalista entende que a nova norma “decreta a morte da planificación territorial do país” e dá cobertura legal “á arbitrariedade política”. “Esta lei nin soluciona as eivas da lexislación anterior nin responde aos retos de futuro no ámbito territorial”, afirma Fernández, quen cuestiona o articulado do texto por carecer de concreción práctica e ficar no plano da declaración de intencións. Na mesma dirección, o socialista defínea como “unha cortina de fume na que agochar a falla de xestión e a incapacidade da Xunta nunha cuestión fundamental” ao “non quedar acreditados os motivos e a necesidade dunha nova lei”.

Comentarios