Parlamento

O PP veta por segunda vez en menos dun mes que haxa un fondo extraordinario de axudas a mariscadoras pola mortaldade

A oposición critica a ausencia da Xunta ante unha crise que ameaza miles de empregos.
Persoas do marisqueo a pé recollen bivalvo en Esteiro, na ría de Muros e Noia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: USC)
photo_camera Marisqueo a pé en Esteiro, na ría de Muros e Noia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: USC)

Por segunda vez en menos dun mes, o PP votou no Parlamento galego en contra dunha proposta para que se aprobe por parte da Xunta da Galiza un fondo extraordinario con axudas directas para o sector do mar afectado pola mortaldade e baixa produtividade das rías. 

Esta quinta feira o grupo popular volveu premer o botón do 'non' ante unha proposición non de lei do BNG con esta petición e que tivo o apoio do PSdeG. Ambos os dous, nacionalistas e socialistas, reprocharon ao PP o seu voto na comisión de Pesca e denunciaron que a Consellaría do Mar está "desaparecida" ante unha crise —a elevada morte de ameixa e berberecho—que "ameaza o futuro" de miles de mariscadoras.

Rosana Pérez (BNG) lamentou que a Xunta “continúe sen pór un peso” para paliar a situación e criticou que a “maquinaria de propaganda do PP” se limite neste caso a pedir a declaración de zona catastrófica ao Goberno do Estado, renunciando o Executivo galego a exercer as súas competencias, "exclusivas", no marisqueo.

A deputada nacionalista explicou que a proposta que impulsaba tamén reclamaba a creación "con carácter de urxencia" dun comité de crise, formado polo propio Goberno galego xunto a representantes do sector e científicos para analizar “rigorosamente” as causas da perda de produtividade das rías e elaborar un plan plurianual de medidas.

"Non é puntual"

Julio Torrado (PSdeG) denunciou que o PP fecha a Lexislatura “deixando tiradas milleiros de familias” que viven do marisqueo e exixiu á Xunta que tome “intervencións decididas” para loitar contra a caída "drástica" da produción. Torrado advertiu que “o problema non é puntual e as solucións non poden ser puntuais".

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Conchi Paz, afirmou que os bancos marisqueiros estaban "sans e produtivos" até que as abondosas precipitacións deste outono provocaron unha "caída da salinidade" que xerou a alta mortaldade. Teresa Egenique (PP) dixo que o traballo da Xunta céntrase en que se declaren por parte do Estado esas áreas como "zonas catastróficas". 

O sector denuncia que hai até 76% menos de berberecho e 65% menos de ameixa, urxindo actuar ante unha “debacle” na que a Xunta ten “responsabilidade”.

Comentarios