martes 25.02.2020
Política

A oposición critica que Feixoo reclame agora o IVE cando calou na modificación da lei co Goberno de Raxoi

A Xunta advirte que actuará "en consecuencia" se o Executivo español non devolve os millóns do IVE

 

Reunión do Consello de Ministras do Goberno do Estado (Europa Press).
Reunión do Consello de Ministras do Goberno do Estado (Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, instou o Goberno español a rectificar "nas próximas horas" e deixar sen efecto a súa decisión de non pagar a Galiza os 200 millóns que lle debe do IVE ou actuará en "consecuencia".

"Se nas próximas horas non hai un desmentido da decisión do Goberno de non pagar" cada territorio "saberá o que ten que facer" e, "desde logo, Galiza, sabe o que ten que facer", manifestou Feixoo.

O presidente galego deixou claro que Galiza "non vai consentir, en ningún caso" que as galegas perdan os "370 millóns que se lle deben de 2019" e que isto é unha "deslealdade institucional sen precedentes". "Ímonos a defender con todos os dereitos que nos ampara a lei e todos os dereitos que emanan da Constitución", sinalou, para subliñar que "non é un tema para tomarse de broma".

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil afirmou que “se  Feixoóo quere defender os intereses de Galiza debe deixar de chorimicar e reclamar por vía xudial o que o Estado non quere pagar”. Rodil  lembrou que en setembro de 2019, o BNG  defendeu no Parlamento galego recorrer á vía xudicial para reclamar do Estado a débeda con Galiza e o Partido Popular votou en contra da iniciativa nacionalista impedindo que prosperara.

Sobre a débeda do Estado tamén se pronunciou a portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, quen expresou a súa "preocupación". "Somos firmes: o diñeiro que corresponde a Galiza segue correspondendo a Galiza goberne quen goberne no Estado", aseverou antes de instar ao Executivo composto por PSOE e Podemos (partido ao que pertence) a "habilitar os mecanismos" para o abono das devanditas cantidades á Administración galega.

Chao lembrou que "foi o PP co señor (Mariano) Raxoi da man do señor (Cristóbal) Montoro o que modificou a lei do IVE". Mentres que a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil afirmou que "se Feixoo quere defender os intereses da Galiza debe deixar de chorimicar e reclamar por vía xudicial o que o Estado non quere pagar", pero non o fai porque "supedita os intereses da Galiza á estratexia do PP en Madrid".

Na mesma liña, o portavoz de En Marea, Luís Villares, subliñou que "ese diñeiro correspóndelle a Galiza", pediulle ao PSOE que "faga os deberes de reformar a normativa" e ao PP que "recoñeza que meteu a pata cando tiveron oportunidade".

comentarios