Entrevista

Xoán Antón Pérez-Lema, avogado: "A amnistía tamén salva o Supremo dunha decisión negativa nos tribunais europeos"

Cunha intensa actividade política e de intervención na vida pública, o avogado Xosé Antón Pérez Lema (A Coruña, 1964) aborda nesta conversa actualidade derivada da aprobación da lei de amnistía, o debate sobre a separación de poderes e o arranque dunha lexislatura no Estado que ten no recoñecemento da plurinacionalidade un desafío e na economía unha espada de Damocles permanente.
O avogado Xoán Antón Pérez-Lema, no seu despacho na Coruña. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera O avogado Xoán Antón Pérez-Lema, no seu despacho na Coruña. (Foto: Xan Carballa)

—Até que punto a lei de amnistía supón pór unha paréntese histórica que se iniciaría cando a sentenza do Estatut en 2010?
O primeiro é dicir que o conflito político catalán é lexítimo e nace dun Estatuto aprobado en referendo pola cidadanía en 2006. Despois o Constitucional, en xuño de 2010, atende parcialmente un recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP e márcase unha liña de interpretación que fecha o proceso de encaixe singular da nación catalá que pretendía Zapatero co Pacto do Tinell. Ese día, sendo José Montilla (PSC) presidente, eu estaba nunha reunión en Barcelona cos empresarios galegos en Catalunya, dos que era vicepresidente Amancio López Seixas, e un taxista faloume dunha manifestación moi grande que se convocara dicíndome: "Que lle parece? Teño 71 anos, votei sempre PSC e por primeira vez penso que Catalunya debería ser independente". Cando moitos opinadores din que iso non ten nada que ver, é falso.

Daquela é cando en 2012 Mas fai unha proposta de pacto económico, que é rexeitado, e prodúcese a primeira Diada realmente independentista. É unha resposta á imposibilidade dun cambio constitucional de facto e por vías políticas, porque sabemos todos que a Constitución formalmente é de moi difícil modificación, pero os Estatutos de Autonomía son parte dese corpus constitucional. Se se vise con perspectiva, como fixo Zapatero, o encaixe era posíbel. Pero tamén debemos lembrar que o Constitucional que adoptou aquela decisión tamén tiña un mandato caducado. Aí nace o conflito.

—E despois viñeron a consulta de 2014 e o referendo de 2017.
Primeiro a convocatoria de consulta de Artur Mas do 9 novembro de 2014, que suscitou un procedemento e condena penal por desobediencia contra Mas, a vicepresidenta Joana Ortega e o conselleiro de gobernación Quico Homs. Despois, en 2015, refórmase a lei do Tribunal Constitucional, que non esquezamos que non é poder xudicial, que é un organismo de garantías de que as leis non van contra o pactado na constitución. A reforma permítelle actuacións que só corresponden a tribunais de xustiza, emitindo mandatos de execución de sentenzas cando non son a súa función. Até entón as decisión do Constitucional aparecían no BOE con efecto normativo, non xudicial. Só por esa mudanza foron posíbeis as sentenzas de desobediencia posteriores.

Con eses acontecementos chegamos ao 1 de outubro de 2017. Unha xornada con brutalidade policial importante dos corpos estatais, non dos Mossos d'Esquadra, e gran cantidade de lesionados. O día 2 o PSOE, con Soraya Rodríguez de voceira, formula unha reprobación do Goberno Raxoi, pero retíraa o día 4, porque o día 3 é a desaquelada e desproporcionada mensaxe de Felipe VI. O 27 é a fugaz declaración de independencia e de inmediato aplícase o artigo 155. 

—E xa entra en funcionamento toda a cadea de decisións xudiciais que o independentismo, e non só, cualifica de lawfare.
O 30 de outubro o fiscal xeral do Estado presenta unha querela criminal desproporcionada e faino no Supremo e na Audiencia Nacional, buscando que non se enxuizara no Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) –que para nada era proindependentista–, senón para levar un futuro xuízo fóra de Catalunya e alcanzar unha única sentenza non cuestionábel, evitando a segunda instancia penal, é dicir, eliminando un dereito que está na Convención Europea de Dereitos Fundamentais e que admite moi poucas excepcións. Detrás da imputación de rebelión –como na de terrorismo–, hai unha suspensión inmediata de dereitos como cargos electivos dos investigados. Coa acusación de terrorismo vaise á Audiencia Nacional, un tribunal continuador do TOP franquista, e cunha alambicada decisión interpretando que algunhas actuacións do procés ocorrían no estranxeiro levar toda a competencia ao Supremo, que ao final agrupou todo. Sen lembrar esta secuencia completa de acontecementos non podemos entender todo o que se vén falando de lawfare.

—Pensando a futuro, a aplicación da amnistía tamén lle permitirá salvarse a un poder xudicial que ben podería ser desautorizado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea ou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, como o foi xa en Bélxica, Italia ou Schleswig-Holstein na longa peripecia de Puigdemont.
Varios recursos xa están neses tribunais europeos, e en xaneiro de 2024 remata para o Estado o período de alegacións. A pregunta é boa porque o máis afectado é o Tribunal Supremo pola posíbel asunción impropia de competencia nun enxuizamento que tocaría ao tribunal natural dos acusados que é o TSXC. A perda da dobre instancia é clave nese asunto, porque o da rebelión non entrou finalmente na sentenza, e iso evitou un problema aínda maior. No asunto do lawfare tampouco debemos esquecer que o delito de "referendo ilegal" fora eliminado no período de Goberno de Zapatero, polo tanto as persoas que convocaban esas consultas non podían incorrer en desobediencia como si podía substanciarse respecto ás decisións do Constitucional. Eu entendo que foi un aproveitamento de recursos xurídicos para unha auténtica desviación de poder.

—En todo caso a amnistía é un recurso excepcional, pero democrático?
A amnistía é esquecer un delito e en democracia debe haber unha razón moi poderosa, que se argumente nun funcionamento anormal do Estado. É entendíbel que para parte da cidadanía do Estado español é duro admitir que parte da democracia funcionaba mal. Só parte do poder xudicial estaría "contaminado". A inmensa maioría dos órganos xudiciais non están afectados por estas cuestións. Todo o que ten que ver co lawfare incumbe á Sala do Penal do Supremo no xuízo do procés e a sala da Audiencia Nacional de Carmen Lamela, porque despois pasou a unificarse todo no Supremo, ou a desaqueladísima cualificación como terrorismo dos feitos do Tsunami Democrátic.

"O problema do 'lawfare' estivo nos tribunais nos que permanece a facultade libérrima de nomear un xuíz ou tribunal de forma discrecional"

—Até que punto esta situación ten que ver con que na restauración democrática de 1977 foi o xudicial un poder intocado?
No poder xudicial houbo, transcorridos tantos anos, unha mudanza, aínda que só fose por razóns biolóxicas. É certo que hai continuísmos familiares, si, pero desde 1984 e 1985 a carreira xudicial é maioritariamente doutra fasquía en todo tipo de tribunais. O problema do lawfare estivo nos tribunais nos que permanece a facultade libérrima de nomear un xuíz ou tribunal discrecionalmente, a pesar da antigüidade ou dos méritos. Esa é unha facultade do Consello Xeral do Poder Xudicial, un órgano que desde os anos oitenta renóvase en función do poder alternante do PP e o PSOE. Cando manda a dereita, son máis executivos e cobren todas as prazas que poden.

Na Sala do Penal do Supremo non vou dicir que sexan maioría de adscrición PP/Vox, pero si que teñen unha mentalidade que se axusta aos criterios de que España é unha democracia "singular" que nace do pacto da transición, que non pode refugar valores da dereita do franquismo sociolóxico e cun pensamento sobre a unidade de España, que tolera os avances autonómicos como algo non desexábel, e consideran que o poder xudicial debe ser único cando en calquera organización federal hai descentralización (USA, Alemaña, Suíza,..)… Son visións moi enraizadas nos altos corpos de funcionarios do Estado e non só no poder xudicial. Sempre foron corpos moi reticentes ao proceso de desenvolvemento autonómico, querendo acaparar para si competencias que se foron transferindo. Esa mentalidade e capacidade de presión explica que seguisen intocadas nese proceso descentralizador as Inspeccións de Facenda, a Inspección de Traballo ou a Avogacía do Estado.

—Reclama o PP "independencia do poder xudicial" e mantén bloqueada a renovación do Consello Xeral desde hai cinco anos.
A dereita sabe que esta situación actual non leva a ningures. E só se desbloqueará o CXPX se muda a lei para cubrir 12 postos. Os grupos parlamentarios poderían impulsar un cambio da lei para que poidan ser nomeados polo parlamento con maioría absoluta. É unha decisión complexa porque na UE hai temor a unha invasión da independencia xudicial, pero o que algúns descoñecen alí é este nesgo das institucións españolas. Desde o XIX, a maioría dos países europeos reformaron a xustiza que proviña do absolutismo monárquico para que non se puidese frear desde alí as determinacións do lexislativo que emanaba do poder democrático.

Pero non debemos esquecer que as mudanzas feitas por maiorías circunstanciais non son solucións estábeis. Neste caso, esa decisión de reformar a lei pode solucionar unha situación de bloqueo esaxerado: en seis meses o Supremo vai ter un 25% de vacantes pola imposibilidade de facer nomeamentos, e tamén hai moitos atrasos no penal, no social, no civil e no contencioso. Unha parte da solución podería ser o nomeamento dos consellos de poder xudicial autonómicos. 

—Parece que a lexislatura vai ser polémica por estes aspectos, pero non é a economía a que vai determinar o éxito ou o fracaso?
Vai ser fundamental. Por unha parte, hai un enflebecemento da economía europea, pero fálase dun crecemento anual do 1,6% no Estado e non parece tan grave como lle gustaría á dereita española. Os mercados descontaron favorabelmente a investidura. A débeda vai provocar que en 2024 haxa recortes, pero non podemos esquecer a capacidade de recadar, que pode e debe mellorar. Debéronse deflactar os impostos, porque non é o mesmo facelo sen considerar un 6 ou 7% de inflación. Polo demais, se os bancos seguen gañando tanto, o imposto aos beneficios, aínda que sexa temporal, suporá recadación segura. Sánchez en 2024 vai ter instrumentos que Zapatero non tiña en 2010 cando caían todos os mercados e ademais coas situacións de Francia e Italia non se vai volver ás receitas salvaxes da anterior crise.

O problema económico grave, e o que máis castiga a cidadanía, é a inflación e por iso é tan necesaria unha política de rendas e unha efectivización do ingreso mínimo vital que debe mellorar moito na súa xestión. A conversa que eu escoitaba eses días da investidura viaxando en autobús versaba sobre a promesa de transporte gratuíto. Iso é o que lle importa á xente. Porque a fluidez da creación de emprego non a pode negar ninguén, aínda que sexa en condicións salariais manifestamente mellorábeis, e máxime cunha inflación que non poderá durar eternamente. Fronte a esa situación global, en Galiza a Xunta promove sectores que non inciden en positivo para fixar emprego, como a minaría, o eucalipto ou a eólica e falta un instrumento público potente, porque se están a perder moitas oportunidades.

—A plurinacionalidade avanzará ou será coa lentitude inapreciábel da morrena dun glaciar?
O PSOE é moi rápido para pactar e vai amodo á hora de cumprir os acordos. En xeral ningunha forza unionista española é cumpridora nesta materia, tampouco Sumar ou Podemos no seu momento. Mesmo está ben visto "enganar" porque na visión centralista os nacionalistas son "insaciábeis". O mecanismo que opera en Madrid, algo menos nas Castelas, Cantabria e ultimamente con forza preocupante nalgunhas capitais andaluzas, é o que chama o profesor Bastos a intransixencia da "España española".

O novidoso é que a xeometría variábel xa non é posíbel. Reconstruír as pontes entre PP e PSOE vai ser cousa de anos se é que se consegue. O compromiso inevitábel polos socios actuais está clara. Este esquema de mutación plurinacional pode comezar, aínda que tarde moito en culminar. O que deberían todas as forzas nacionalistas é ser colaborativas neste proceso, como deben selo no problema grave da débeda autonómica, porque este é un Estado que infrafinancia os servizos públicos.

Comentarios