Parlamento

A xerente do Sergas non ve "conflito de intereses" en que o xerente da patronal da sanidade privada sexa o seu irmán

A xerente do Sergas compareceu no Parlamento para negar que exista "conflito de intereses" en que o seu irmán sexa xerente da patronal da sanidade privada. A oposición reprochoulle que comparecese só após se facer pública esa relación así como que as súas políticas en sanidade beneficien as empresas privadas do sector.
16-03-2023 Estrella López Pardo-2 (1)
photo_camera Estrella López-Pardo toma asento esta quinta feira na comisión de sanidade para declarar sobre o presunto conflito de intereses. (Foto: Arxina)

"Non existe conflito de intereses". Até en catro ocasións como mínimo reiterou esta quinta feira esta frase na comisión de Sanidade do Parlamento galego a xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Estrella López-Pardo Pardo, durante a súa comparecencia para defender, dixo, a súa "honorabilidade" ante o debate suscitado a raíz da publicación por Nós Diario de que o seu irmán, Manuel López-Pardo Pardo, é xerente da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), a patronal da sanidade privada galega.

Non hai nada ilegal nin nada reprochábel, argumentou Estrella López-Pardo, en que a responsábel en gran medida da xestión da sanidade pública galega sexa irmá do xerente dunha asociación, Ahosgal, que representa empresas e centros de sanidade privados que negocian e chegan a acordos coa primeira. 

A deputada do BNG Montse Prado puxo a cifra enriba da mesa durante a súa intervención: ao redor de 165 millóns de euros ao ano é o que esas empresas reciben da Xunta da Galiza en concertos e outras medidas.

A xerente rebaixa o papel do seu irmán en AHOSGAL ao de "empregado"

Para a xerente do Sergas, existen "intereses espurios", "partidistas" e vontade de "terxiversar" á hora de tratar este tema. Para "responder a infundios", proseguiu, solicitou a iniciativa propia comparecer na Cámara galega. O BNG e o PSdeG matizárona. "Non comparece a iniciativa propia, faino obrigada ao desvelar unha investigación xornalística —en alusión á exclusiva publicada por Nós Diario— que a máxima responsábel do Sergas é irmá do xerente da patronal privada", manifestou Montse Prado. Para Julio Torrado, do PSdeG, "que compareza hoxe aquí é recoñecer que hai un problema".

"Transparencia"

López-Pardo afirmou con contundencia que non ten participación nin actividade con empresas do sector privado. "Nin teño nin tiven relación profesional coa sanidade privada", asegurou, ao tempo que na súa vontade de evitar "conflitos de intereses" adiou a súa entrada no equipo de dirección da Consellaría de Sanidade, "a petición miña", co fin de esperar a que a súa familia deixase de ter unha clínica privada.

A respecto do seu irmán, Manuel López-Pardo, a xerente do Sergas defendeu que era un simple "empregado" de Ahosgal, "persoal técnico e non executivo", unha persoa sen "participación ningunha" nas empresas privadas que representa esta asociación patronal. "Ten voz mais non voto", nas decisión que adopta Ahosgal, engadiu.

Mais neste punto tampouco convenceu a oposición. A deputada do BNG afirmou que os propios estatutos desa entidade da patronal da sanidade privada dotan o xerente de capacidade de "planificación" e "xestión" e que entre as súas funcións están as de "suxerir medidas" de actuación ante as Administracións públicas. 

O BNG e o PSdeG inciden en que as políticas da consellaría benefician a privada 

O socialista Julio Torrado deu por suposto "que en todo isto se cumpre a lei", mais apuntou que estas situacións de familiaridade fan difícil "entender" se hai ou non "vontade de beneficiar a privada" cando se toman decisións como permitir o persoal médico compatibilizar a sanidade pública e privada. "Non resolve o problema [da falla de profesionais], beneficia a privada e en nada a publica", asegurou. 

Lembrou Torrado, ademais, que o caso dos irmáns xerentes do Sergas e Ahosgal non é a única relación familiar. "A irmá de Núñez Feixoo [ex presidente da Xunta] dirixe para a Galiza a maior concesionaria de servizos ao Sergas [Eulen] e a súa curmá é xerente da área sanitaria de Santiago. E todo é legal!".

Correos do conselleiro

A xerente do Sergas tamén incidiu en negar que a Consellaría de Sanidade tome medidas para beneficiar a sanidade privada. López-Pardo mesmo procedeu a ler uns correos electrónicos remitidos, segundo ela mesma dixo, desde Ahosgal ao conselleiro Julio García Comesaña nos que a patronal se mostraba molesta por determinadas decisións do departamento e mesmo mails -sempre segundo Estrella López-Pardo- desta asociación puñan como exemplo de relación a que mantiña Ahosgal con Sanidade "entre 2005 e 2009", cando gobernaba o bipartito.

Montse Prado instou a xerente a "non soltar tinta de lura" e a se centrar en dar explicacións sobre a "estreita relación" do Sergas con Ahosgal. A deputada nacionalista apelou á Lei de Transparencia para -referíndose ao artigo 43- pedir á responsábel do Sergas que explicase se "se abstivo por escrito" en caso de haber negociacións con Ahosgal, e reclamoulle que fixese públicas tanto as súas reunións como os acordos alcanzados cos hospitais que fan parte desa patronal. "Luz e taquígrafos, señora López-Pardo", demandou a deputada nacionalista.

Prado apuntou que Ahosgal representa a 14 hospitais privados, incidindo en que "a metade da facturación" da sanidade privada procede de fondos públicos, e que un dos xerentes da asociación patronal do sector" é o seu irmán", dirixíndose a Estrella López-Pardo.

Alberto Pazos (PP) cargou con dureza contra a oposición, nomeadamente contra a formación nacionalista, á que acusou de "quere facer unha carnicería política" mais "saíulles o tiro pola culata". Pazos acusou o BNG e o PSdeG de querer "acabar coa carreira brillante dunha muller brillante", afirmando que ambas as organizacións cren que "ela debería supeditar a súa carreira á do seu irmán". A oposición instou Pazos e López-Pardo a non recorrer ao ''vitimismo' e a apostar pola "transparencia" sobre este caso.

Comentarios