Contas cuestiona o modelo de contratación de Sanidade

Oídos xordos da Xunta da Galiza á recomendación do Consello de Contas de que "cesase" no Servizo Galego de Saúde (Sergas) co recurso a modelos de contratación para a actividade sanitaria prestada con medios alleos que non se axustan á regulación. Unha recomendación que ano tras ano realiza o órgano fiscalizador e que, ano tras ano, é ignorada polo Goberno galego.

consello contas
photo_camera O conselleiro maior, segundo pola dereita na mesa, compareceu onte na Cámara galega. (Foto: Parlamento)

O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, compareceu esta segunda feira no Parlamento galego para dar conta da memoria de 2021 deste órgano, así como dos correspondentes informes de fiscalización do sector público da Galiza, como o relativo ao Sergas. Redondo, a este respecto, recoñeceu que un ano máis continúa "pendente" de atender por parte da Xunta da Galiza a recomendación de que "o Sergas debe cesar na utilización da figura da autorización de uso como forma contractual e suxeitar ao marco legal os gastos que se veñen detectando pola vía do contrato menor e que non se axustan a regulación". 

O Consello mantén que "o Sergas "está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación, de forma directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados". Estas advertencias, porén, e até o de agora, caeron en saco roto e a Administración segue sen atender estas recomendacións. O modelo de contratación aplicado polo Sergas ten sido albo de denuncias por parte do BNG e do PSdeG, que instaron en reiteradas ocasións a Xunta da Galiza a que a contratación menor [aqueles contratos que se adxudican directamente, sen concurso, para servizos ou subministros de menos de 15.000 euros] sexa "excepcional" e non "estrutural". 

600 millóns de euros

O pasado mes de outubro Nós Diario desvelaba que o Servizo Galego de Saúde adxudicou de maneira directa e sen concorrencia nin publicidade 600 millóns de euros entre 2012 e 2019, segundo o último informe de fiscalización do Consello de Contas. 

Iago Tabarés, deputado do BNG, lamentaba onte na súa intervención na Cámara que as "irregularidades en materia de contratación" denunciadas "reiteradamente" por Contas continuasen sen se corrixir. Pola súa parte, Begoña Rodríguez Rumbo, PSdeG, facía fincapé na "invisibilización" que a maioría do PP aplica no Parlamento sobre os informes de fiscalización elaborados polo Consello de Contas.

Fiscalizar o Plan eólico de 2010

No debate, o conselleiro maior tamén presentou os eixos principais do traballo do Consello de Contas para 2023, exercicio no que realizará 55 informes e auditorías. Desde o BNG, Ramón Fernández solicitou que o órgano fiscalizador investigase os plans industriais e as monetizacións dos parques eólicos adxudicados no concurso eólico de 2010, e o "perdón" de  máis de mil millóns de euros a "grandes enerxéticas".

Rodríguez Rumbo cargou contra a "falla de control dos gastos" da Xunta en diferentes eidos, ao tempo que acusaba o Goberno galego de destinar só 1,9% en 2020 aos concellos dos fondos europeos recibidos.

A representante do Partido Popular, Cristina Sanz, manifestou o "compromiso" do Goberno galego coas recomendacións do Consello de Contas, apuntando a que 85% desas encomendas foran aceptadas polo Executivo galego.

Críticas á "falla de transparencia" da Administración "paralela"

O deputado do BNG Iago Tabarés e a socialista Begoña Rodríguez Rumbo coincidiron onte en criticar a "falla de transparencia" da Xunta da Galiza a respecto de diversos aspectos, argumentando esa crítica nas recomendacións do órgano fiscalizador que preside José Antonio Redondo. 

Neste sentido, os portavoces do BNG e PSdeG na comparecencia do conselleiro maior criticaron con dureza que siga sen existir un rexistro de entidades instrumentais ou dependentes da Administración galega malia que este censo debería ser publicado en 2010. "Esas entidades manexaron 15% do total do orzamento da Xunta", apuntou Tabarés, ao tempo que a deputada socialista afirmaba que a Galiza era unha "excepción no Estado" ao non contar con este tipo de rexistros, imprescindíbeis para "a transparencia". 

Coñecidas popularmente como "a Administración paralela", as entidades instrumentais do Goberno galego xestionaron 1.737 millóns de euros procedentes do orzamento público en 2020, último ano no que as súas contas foron sometidas a fiscalización.

As achegas dos orzamentos ás entidades instrumentais non deixaron de medrar desde 2016. Nesa anualidade, o Goberno galego transferiu a estes organismos 1.616 millóns, representando en 2020 un 7% máis.

Comentarios