Consello da Xunta

200 euros para facer o Camiño de Santiago: a Xunta estende o bono á mocidade de todo o Estado

O programa Xacobeo Xove renóvase até novembro de 2024 e amplía o número de persoas beneficiarias e o rango de idade: de 12 a 30 anos.
Acto de recepción na praza do Obradoiro á 'Peregrinación Europea da Mocidade', en agosto do pasado ano. (Foto: Arxina)
photo_camera Acto de recepción na praza do Obradoiro á 'Peregrinación Europea da Mocidade', en agosto do pasado ano. (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta acordou na súa reunión desta quinta feira varias novidades no marco do programa Xacobeo Xove, a iniciativa que promove a experiencia do Camiño de Santiago entre os mozos e mozas a través de descontos en paquetes deseñados por axencias de viaxe galegas para calquera dos itinerarios xacobeos. A partir de agora poderán beneficiarse tamén persoas residentes en todo o Estado español, e non só na Galiza.

Así, o Xacobeo Xove renóvase até novembro de 2024 e ampliará o número de beneficiarios, pois incluirá tamén rapazas e rapaces en idade escolar, de entre 12 e 30 anos —antes era de 18 a 30—, sempre que os menores vaian acompañados de adultos, e os de fóra da Galiza.

Ademais, para realizar os paquetes turísticos, xunto ás axencias de comerciantes polo miúdo galegas tamén se engaden as que traballan ao por maior, que poderán ofrecer os paquetes que comercialicen as comerciantes polo miúdo que operen noutras comunidades autónomas, polo que se poderán beneficiar tamén grupos de fóra da Galiza.

O Programa Xacobeo Xove é unha iniciativa financiada por Turismo da Galiza que se puxo en marcha en xullo coa colaboración da Consellaría de Política Social e Xuventude, o Clúster Turismo da Galiza, a Asociación de Axencias de Viaxes da Galiza (AgaviI), a Asociación de Turoperadores Receptivos da Galiza (Atrega) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (Avipo).

Busca fomentar a peregrinación entre a poboación máis nova, para o que conta coa colaboración das axencias de viaxes, que crean paquetes turísticos nos distintos itinerarios do Camiño para persoas en disposición do Carné Xove a un prezo especial que inclúe un bono desconto de 200 euros sobre o prezo habitual para sufragar os gastos de aloxamento e do que agora poderán beneficiarse mozos e mozas de todo o Estado.

Comentarios