Xabier Pérez Igrexas será o cartaz do BNG nas municipais en Vigo

O BNG completou esta cuarta feira a nómina dos seus números un nas sete cidades do país coa escolla do activista e dirixente sindical Xabier Pérez Igrexas como cartaz en Vigo. Analista e colaborador de distintos meios de comunicación, a comezar por Sermos, a súa candidatura, a única que se formulou como tal no seo da asemblea local, é froito do consenso entre as e os militantes nacionalistas da urbe máis populosa do país.

Xabier Pérez Igrexas, após ser eleito candidato do BNG nas municipais 2019
photo_camera Xabier Pérez Igrexas, no centro da imaxe, ao remate da asemblea

Iván Rivas en Ferrol. Francisco Jorquera na Coruña. Goretti Sanmartín en Compostela. Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra. Luís Seara en Ourense. Rubén Arroxo en Lugo. E agora Xabier Pérez Igrexas en Vigo. Conclúe así o BNG o proceso de elección das persoas que irán encabezar, nas sete cidades galegas, as candidaturas da organización frentista nas eleccións municipais de 2019. O desafío confeso do BNG é o de mellorar os resultados de 2015 e nomeadamente o de recuperar representación naquelas prazas —Ourense e Vigo— en que non conseguiu acceder aos salóns de plenos.

Ese será o principal reto, por tanto, de Xabier Pérez Igrexas, quen aos seus 34 anos se coloca ao fronte da candidatura en Vigo. Persoa aínda moza, acumula ás súas costas, porén, non pouca experiencia quer no traballo social —nomeadamente no movimento veciñal e no estudantil, como secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes— quer no político —actual responsábel de Acción Municipal do BNG de Vigo- quer no sindical —militante da CIG, integra o seu Consello Confederal e a Executiva Comarcal da central na cidade olívica.

É tamén unha persoa cunha traxectoria dilatada no ámbito dos meios de comunicación, con especial destaque para o seu activismo no mundo dixital e nas redes sociais, nomeadamente a partir da súa conta twitter @contradiscurso. Especializado na análise de política internacional, ten publicado textos en cabeceiras como A Nosa Terra, Xornal de Galicia e Sermos Galiza, neste último caso quer no semanario quer neste diario dixital.

A de Xabier Pérez Igrexas foi a única das candidaturas que a asemblea —na que tomaron parte por volta de 100 persoas, na sede comarcal do BNG— tomou en consideración, sinal do amplo consenso que a figura do agora candidato suscita na base organizada da formación soberanista. 

Consciente de cal é o obxectivo político que ten por diante, na súa intervención perante a asemblea —segundo o comunicado de imprensa emitido pola organización nacionalista— o candidato eleito afirmou que o Bloque se propón recuperar unha presenza determinante no concello de Vigo porque "o BNG sempre fixo avanzar o noso concello con coherencia, con políticas nacionalistas e de esquerdas  e sempre ao servizo da veciñanza".

O BNG quer facer de Vigo, enfatizou, o motor dunha nova Galiza, "fronte a quen quere reducirnos a unha 'minicidade' Estado illada á talla do seu ego", dixo en clara alusión á retórica localista de Abel Caballero. A proposta do Bloque é construír unha cidade que sexa "algo máis que un espazo", que se torne "nunha verdadeira comunidade, coas persoas no centro das políticas".

Comentarios