23-X

Vox volve bater cos dentes nas nacións sen Estado

Non ten representación nin na Galiza nin en Euskal Herria. En Catalunya, onde é sexta forza, mantén os dous escanos.

O vicepresidente do partido ultraespañolista Vox, Javier Ortega Smith, e o candidato da formación ao Congreso pola Coruña Juan Garcilaso, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera O vicepresidente do partido ultraespañolista Vox, Javier Ortega Smith, e o candidato da formación ao Congreso pola Coruña Juan Garcilaso, en Compostela durante esta campaña (Foto: César Arxina / Europa Press)

Vox perdeu 19 representantes no Congreso español nas eleccións estatais do 23 de xullo mais continúa como terceira forza. A formación ultra españolista recibiu máis de tres millóns de papeletas, 12,4% dos votos emitidos. Malia perder medio millón de sufraxios a respecto de 2019, mantense como unha forza con peso no taboleiro político español.

Mais Vox non é quen, até o de agora, de penetrar en nacións sen Estado como a Galiza e Euskal Herria, onde este domingo volveu ficar sen representación. En Catalunya é a sexta forza, logrando 2 dos 48 deputados e deputadas que se escollen entre as catro circunscricións cataláns.

O partido de Santiago Abascal logrou representación por todos os territorios agás a Galiza, Euskal Herria (Euskadi e Nafarroa) e A Rioxa, onde só se elixen 4 representantes (2 foron para o PP e outros 2 para o PSOE).

Na Galiza Vox tivo 77.014 sufraxios, o que representa 4,79% dos votos. Non chega, pois, a 5%, que é a barreira estabelecida para poder entrar no Parlamento galego. Hai catro anos tivera 116.381 votos e a porcentaxe de apoio en urna fora de 7,8%. Caeu máis de 3 puntos.

En Euskadi, onde naceu Santiago Abascal, Vox non chegou nin a 30.000 votos, ficando en 29.943. Ese escaso 2,6% de apoio supón, porén, un leve aumento de 0,14 a respecto de 2019, cando lograra 2,44%.

Vox tivo mellor resultado en Nafarroa, mais tampouco lle valeu para obter representación. Neste territorio atinxiu 5,6% dos votos, 19.213 sufraxios. Perdeu 200 votos en comparación cos resultados logrados hai catro anos.

Catalunya é a única nación sen Estado onde Vox si que volveu ter representación este domingo. Mantivo os seus 2 representantes (ambos os dous por Barcelona ) e mesmo aumentou os apoios en urna malia o incremeneto da abstención, obtendo 273.000 votos, 30.000 máis que catro anos atrás.

Comentarios