23-X

Vox volve quedar sen representación na Galiza e baixa tres puntos desde 2019

A formación ultraespañolista obtén 4,8% dos sufraxios na Galiza, case oito puntos menos que a media do Estado español.
O líder ultra Santiago Abascal, nun mitin de campaña. (Foto: Edu Botella / Europa Press)
photo_camera O líder ultra Santiago Abascal, nun mitin de campaña. (Foto: Edu Botella / Europa Press)

Nin no Parlamento galego, nin nas listas ao Congreso e o Senado e só cunha única edil entre os 313 concellos do país —Avión, comarca do Ribeiro—. A formación ultraespañolista Vox ficou, máis unha vez, sen representación nas catro circunscricións electorais da Galiza nas eleccións estatais deste domingo.

A formación de extrema dereita que lidera Santiago Abascal obtivo nestes comicios ao Congreso un total de 74.845 votos —con 97,34% escrutado— no conxunto da Galiza, o que se traduce en 4,78% do voto total. Vox perde, así, máis de 40.000 apoios en comparanza coa cita coas urnas de novembro de 2019, cando sumara 116.381 sufraxios e un 7,82%.

Por circunscricións, Vox obtivo a peor marca na de Lugo, con 4,3% dos votos; seguida de Ourense, con 4,64%; Pontevedra, con 4,69%, e A Coruña, con 5,03%, a única na que superaría o limiar de 5% estabelecido nas eleccións ao Parlamento da Galiza —tendo en conta o hipotético caso de replicar estes resultados neses comicios—.

Durante a campaña electoral, nesta última semana, a visita do dirixente ultra Javier Ortega-Smith á Galiza non fora precisamente positiva para Vox. O café que tiña previsto na cuarta feira nun bar da Coruña do grupo O Sampaio Cervexarías foi finalmente anulado e o estabelecemento difundiu un comunicado no que aseguraba que non albergará "actos políticos" nin desta formación nin doutra.

Tras o seu paso pola Coruña e Compostela, Ortega Smith buscaba finalizar a xornada en Ribeira (O Barbanza) cunha visita coa veciñanza na lonxa da localidade. Non obstante, os de Vox ficaron ás portas da lonxa ao serlle denegada a entrada. Segundo puido saber este medio, a formación ultraespañolista non pedira autorización para acceder ás instalacións portuarias, que acollían na mesma hora unha actividade dunha asociación.

No conxunto do Estado español, a situación foi ben distinta para a ultradereita, que mantivo a terceira posición das anteriores eleccións con 2.878.688 votos que lle valen un 12,39% do total. Retrocedeu dous puntos e medio a respecto de 2019.

Comentarios