23-X

Un bar da Coruña fecha as portas a Vox tras difundirse que Ortega Smith recalaría para un café coa veciñanza

A formación ultraespañolista tampouco puido realizar o acto que tiña programado na lonxa de Ribeira (O Barbanza)

O vicepresidente do partido ultraespañolista Vox, Javier Ortega Smith, e o candidato da formación ao Congreso pola Coruña Juan Garcilaso, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera O vicepresidente do partido ultraespañolista Vox, Javier Ortega Smith, e o candidato da formación ao Congreso pola Coruña Juan Garcilaso, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O café que o vicepresidente do partido ultraespañolista Vox, Javier Ortega Smith, tiña previsto, no marco dunha xornada electoral na Galiza, nun bar da Coruña do grupo O Sampaio Cervexarías foi finalmente anulado e o estabelecemento difundiu un comunicado no que asegura que non albergará "actos políticos" nin desta formación nin doutra.

Distintas contas ligadas a Vox (entre elas a de 'Vox A Coruña Ciudad') difundiron en redes sociais un cartel de Ortega Smith no que se anunciaba un encontro con veciñanza neste bar, aínda que dita parada non estaba na axenda pública convocada aos medios e fontes do partido consultadas pola axencia Europa Press subliñan que non era "un mitin nin un acto político como tal".

O anuncio do café, que finalmente non tivo lugar nese local, provocou numerosas críticas en redes sociais e o bar emitiu un comunicado no que afirmaba que dito acto non contara "nunca" coa súa aprobación e que "obviamente" non se celebraría. "Así como o de ningún outro partido", apostilaba.

"Só somos e seremos sempre o voso lugar para tomar unhas cañas e gozar da gastronomía coa familia e os amigos", engadía.

Ás portas da lonxa de Ribeira

Tras o seu paso pola Coruña e Compostela, Ortega Smith buscaba finalizar a xornada en Ribeira (O Barbanza) cunha visita coa veciñanza na lonxa da localidade.

Non obstante, os de Vox ficaron ás portas da lonxa ao serlle denegada a entrada. Segundo puido saber este medio, a formación ultraespañolista non pedira autorización para acceder ás instalacións portuarias, que acollían na mesma hora unha actividade dunha asociación.

Ao igual que aconteceu na Coruña, Ortega Smith tampouco puido desenvolver a axenda electoral que tiña planificada para a tarde desta cuarta feira.

Esta quinta feira continuará cos actos da campaña electoral en Pontevedra.

Ortega Smith censura os "ataques" a Vox

Pola súa banda, tras pasar pola Coruña, onde mantivo un encontro co decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda, Ortega Smith participou nun paseo electoral en Compostela. Na capital galega aproveitou para cargar contra os "ataques" ao partido ultraespañolista.

Así, incidiu en que os "ataques" prodúcense en distintos puntos do Estado español. "Como os estamos sufrindo aquí mesmo, na Galiza, ameazando os locais onde nos iamos reunir", exemplificou.

Comentarios