O voto do PP impide que a Deputación de Pontevedra exixa a dimisión de Rafael Louzán

Os populares rexeitan "queimar en praza pública" o actual presidente da Federación Galega de Fútbol e ex presidente da entidade provincial.

Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).
photo_camera Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).

O 'non' do PP tombou  esta sexta feira unha moción debatida no pleno da Deputación de Pontevedra para esixir á Xunta daGaliza que movese ficha para pedir a destitución de Rafael Louzán como presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), pola súa postura no 'Caso Rubiales'.

E é que Louzán, que foi presidente da Deputación entre os anos 2003 e 2015 baixo as siglas do PP, destacou nun primeiro momento que o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, "pedira desculpas" polo bico non consentido á xogadora Jenni Hermoso -"son erros que se cometen na vida", dixo-, para semanas despois esixir a súa dimisión nun comunicado canda os outros 17 dirixentes autonómicos.

A encargada de presentar a moción foi a deputada do PSdeG Ana Laura Iglesias, quen se referiu á traxectoria "pouco exemplarizante" de quen foi presidente da institución provincial durante 12 anos.

De feito, Rafael Louzán está condenado -nunha sentenza confirmada pola Audiencia Provincial- a sete anos de inhabilitación por prevaricación, ao conceder unha subvención de máis de 86.000 euros a unha empresa para mellorar un campo de fútbol en Moraña.

A isto engadiu a socialista a "actitude" do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, porque "aplaudiu" na asemblea na que Rubiales desbotou dimitir e atacou o feminismo, e a primeira semana do escándalo chegou a "minimizar" o bico a Jenni Hermoso coas súas declaracións. "Louzán foi un firme apoio a Rubiales durante esta crise", insistiu Iglesias, quen aproveitou para sinalar a relación do ex líder do PP pontevedrés co actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Pola parte do BNG, que apoiou a moción, María Ortega cualificou de "vergoñosa" a actitude do dirixente da RFGF, aínda que lembrou que acumulaba suficiente "hemeroteca" como para solicitar a súa dimisión antes do 'Caso Rubiales'. "As condutas machistas hai que condenalas, as verbais, as físicas, as económicas... en calquera nivel", reiterou a nacionalista, para contrapor que as palabras de Louzán foron "rancias" e "inaceptables" porque apoian "comportamentos machistas, violentos e mafiosos contra as xogadoras".

Fronte a estas acusacións, o portavoz do grupo do PP, Jorge Cubela, defendeu a xestión de Louzán no ámbito deportivo -en particular, polo feminino- cando estivo á fronte da Deputación e lamentou que a oposición queira "tratar de queimar a un cidadán en praza pública" a pesar de que "xa non é un cargo público".

Comentarios