18-F

Vivenda, mobilidade e emprego: as propostas do BNG para a mocidade

“O cambio galego ten nome de BNG e ten nome de muller: Ana Pontón”, afirmou Daniel Castro

Foro de debate entre candidatas do BNG e estudantado da USC. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Foro de debate entre candidatas do BNG e estudantado da USC. (Foto: Nós Diario)

Varios representantes do BNG, entre eles o número dous por Lugo, Dani Castro, a secretaria xeral de Galiza Nova e tamén candidata por Pontevedra, Marta Gómez, e o candidato por Pontevedra Paulo Ríos abordaron con universitarios e universitarias os problemas de acceso á vivenda e do pago do aluger, así como o transporte, algunhas das preocupacións que os propios asistentes expuxeron no encontro que tivo lugar na cafetería do SEU do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

"Hoxe imos reunirnos aquí con estudantes universitarias da Universidade de Santiago de Compostela para ofrecerlles as propostas que temos no Bloque Nacionalista Galego (BNG) para as cousas que verdadeiramente lles interesan, ou sexa, o día a día, como pode ser a vivenda, a precariedade laboral ou, como non, esa migración que todos ou todas vivimos algunha vez ou que vivimos de preto con algún achegado ou familiar", expuxo Dani Castro, convencido de que a mocidade "vai poñer ese plus, ese extra, para o BNG, para que Ana Pontón sexa a próxima presidenta da Xunta da Galiza".

En declaracións aos medios previas, Dani Castro salientou que estamos ante "un momento histórico no que o BNG, evidentemente, confía na mocidade". Neste sentido, mostrouse seguro de que se os mozos acoden a "votar" o próximo 18 de febreiro e "concentra o voto no BNG, vai haber cambio galego". Para Castro, a mocidade ve que o BNG "confía" neles e, por iso, observa que "non é casualidade que o BNG sexa a opción máis escollida" por este colectivo.

“O cambio galego ten nome de BNG e ten nome de muller: Ana Pontón”, concluíu o número dous na lista de Lugo antes de expoñer as propostas do BNG, entre as que destacou a creación dunha bolsa de vivenda “digna e a prezos accesibles”, unha medida que se porá en marcha en colaboración coas universidades e que Castro considerou especialmente relevante en cidades como Compostela, onde cada día é máis difícil atopar pisos en aluguer a prezos asumíbeis. “Non queremos ter que entrar nunha páxina web buscando pisos con medo a comprobar cantos ceros hai nos prezos”, apuntou.

Melloras en mobilidade

Outra das preocupacións expresadas polos mozos versou sobre o proxecto de mobilidade, respecto diso do que interveu Paulo Ríos 'Kai'. Ou como chanceou Castro, "o rapaz de Monbus", xa que foron varios os debates que deu na Cámara galega sobre as concesións anuladas a esta empresa. Neste sentido, puxo como exemplo a necesidade de facer cadrar e estabelecer liñas regulares cos horarios de entrada, xa que "non ten sentido" ter que coller un autobús ás 7 da mañá en Ordes (a uns 30 quilómetros da capital galega) para entrar en aulas ás 9 horas.

Ríos tamén comprometeu ante o estudantado que un Goberno liderado por Pontón “porá en marcha un novo plan de emprego xuvenil” para rematar coa precariedade laboral, a temporalidade e a fenda salarial que sofre a mocidade, “que a día de hoxe cobra até un 20% menos”, remarcou. Ríos avanzou ademais que un dos obxectivos do programa nacionalista é reverter a “terciarización” que se da na economía e no mercado laboral.

“O 70 % da mocidade galega que traballa faino no sector servizos, que adoita ter peores condicións laborais” e de aí a aposta por aumentar o peso do sector industrial e o desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía como prioridades nun goberno con Pontón como presidenta.    

Camiñar cara unha universidade pública “de calidade e ben financiada”, até achegarlle ao Sistema Universitario Galego (SUG) o 1,5 % do PIB é outro dos compromisos adquiridos polo BNG, que prevé mecanismos de compensación para evitar que a gratuidade das matrículas, que o BNG leva no seu programa de goberno e vén reclamando desde hai tempo no Parlamento galego, supoña un prexuízo para as propias universidades.

"Estamos a falar de propostas para o día a día, de propostas para mellorar a vida da mocidade. As leas madrileñas non lles interesan ás mozas e aos mozos e non van estar nunca no discurso do BNG", dixo, pola súa banda, Dani Castro, antes dun acto no que tamén se expuxo a inclusión e xeneralización do uso do galego nos estudos universitarios.

A este respecto, a secretaria xeral de Galiza Nova defendeu que hai que dar "garantías" nos dereitos lingüísticos de todos os estudantes, consciente, engadiu, de que non se pode obrigar a dar as clases nun idioma, pero si facer posíbel que todos os académicos coñezan a lingua propia.

Comentarios