VÍDEO | Ana Pontón en 70 confesións en 7 minutos: da canción que máis bailou ao seu animal favorito

O BNG publica un pequeno vídeo no que, durante un plano secuencia de 7:36 minutos, a líder nacionalista responde un áxil e heteroxéneo cuestionario. Vídeo no interior.

'The Guardian' ilustrou o artigo cunha imaxe da líder e candata do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós DIario).
photo_camera Ana Pontón durante o cuestionario

“Un medo irracional? A ser enterrada viva”, “A canción que máis bailaches? ‘Like a prayer’, de Madonna”, “O máis valente que fixeches? Ser nai”. Estas son só 3 das preguntas e 3 das respostas que poden verse no vídeo ‘ Ana Pontón en plano secuencia, para coñecer máis e mellor a nosa candidata á presidencia da Xunta’ que esta segunda feira publicou o BNG.

Un vídeo no que, nun único plano secuencia, a líder nacionalista percorre a Alameda de Compostela mentres vai respondendo unha a unha as preguntas que lle van formulando. Son cuestións de todo tipo, de carácter máis político ou máis persoal, sobre a Ana Pontón de agora ou a Ana Pontón nena. Todas elas formuladas de maneira breve e áxil para ser respondidas da mesma maneira.

 Así, descóbrese que de pequena quería ser corresponsal de guerra, que ten co café unha “relación tóxica” ou que de ser nai aprendeu “a ter paciencia”. A unha illa deserta levaría “un libro, un móbil e unha botella de viño” e como lugar para ter unha cita recomenda as illas Cíes.

“Que che gostaría transmitir a Icía [a súa filla]? Ser libre”, “De que podes falar horas e horas? De política”, “De ser un animal, serías...? Un cabalo”, ou “Unha serie? Encantoume ‘O conto da criada”; as preguntas vanse debullando aos poucos mentres a candidata nacionalista percorre a Alameda.

Unha conversa durante a cal tamén se pode saber que a Ana Pontón lle encanta o ceviche e cantar no karaoke (a súa canción, ‘Mi gran noche’, de Rafael), que o mellor piropo que lle fixeron foi “que confiaban en min” e que consideraría unha mala nova a volta da estética ‘oitenteira’ de ombreiras e pelos cardados.

 

Comentarios