Villares acusa o “tándem PSOE-Podemos” de deixar “sempre de lado” Galiza

O portavoz de En Marea, Luís Villares, cargou na tarde da quinta feira contra os seus socios de grupo parlamentar no Hórreo, Podemos, aos que acusou de obviar Galiza. “No retrato do tándem PSOE-Podemos, Galiza nunca sae”, denunciou.

2019041820025032424
photo_camera Mitin de En Marea en Trives

Luís Villares, portavoz de En Marea, subiu o ton da campaña contra Podemos, con quen concorrera nas anteriores xerais ao Congreso e con quen aínda comparte grupo parlamentar no Hórreo.

Así, no acto desenvolvidos na tarde da quinta feira en Trives, Villares sinalou que as “actitudes dos gobernos pesan moito” na falta de oportunidades para a xente nova. Foi entón cando acusou “o tándem formado por PSOE-Podemos na anterior lexislatura de non ter un compromiso con Galiza e coas súas auténticas necesidades, máis alá de considerar o subsidio”.

“No retrato do tándem PSOE-Podemos, Galiza nunca sae”, lamentou Villares, que estivo acompañado polo candidato número 1 ao Congreso por Ourense, Iván Olmos, polo deputado galego Davide Rodríguez, pola candidatas Ana Early, Sonia Couso, Jorge Vázquez e Iolanda Pérez. Así, o portavoz de En Marea insistiu na “falta de compromiso que Podemos e o PSOE teñen historicamente con Galiza”.

Cargou contra o posicionamento de PSOE e Podemos nos últimos orzamentos xerais, que “prexudicaban seriamente a Galiza”. “En Marea opúxose firmemente a eses orzamentos porque non servían para desenvolver Galiza e consideraban que subsidiala era suficiente”, afirmou Villares.

Iván Olmos, pola súa banda, criticou a xestión do PP “que goberna na Deputación e en moitos concellos e na Xunta”. O candidato defendeu “poñer o foco en medidas para revitalizar o rural e combater o despoboamento, que é un dos principais problema da provincia”.


Na mesma liña, o deputado no Parlamento de Galiza Davide Rodríguez, exalcalde de Manzaneda, afirmou que “a comarca de Trives é cada vez máis vulnerábel e dependente por mor das políticas de abandono que o PP leva practicado durante os últimos anos".

Comentarios