mércores 21/10/20
ESTA SEMANA PODERÍA APRESENTARSE O PROGRAMA MARCO ACORDADO CO PSOE

BNG pide ás mareas e a AV que expliciten quen debe presidir a Deputación da Coruña

O BNG considera que esta mesma semana será posible presentar “de xeito detallado” un programa marco de consenso co PSOE para as entidades provinciais.

Xavier Vence
Xavier Vence

Esta semana poderá presentarse o programa marco co PSOE para as deputacións após o avance logrado polas comisións negociadoras de nacionalistas e socialistas, afirmou Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Un documento, explicou, que ““recolle os obxectivos esenciais” postulados polo Bloque de “adelgazar” os entes provinciais e “democratizar” o seu funcionamento, mentres se camiña cara a súa desaparición.

Así, o documento pactado postula a transferencia de competencias cara á Xunta e cara aos concellos mentres que, a segunda cuestión, se traduce sobre todo “na redución do presidencialismo a favor da toma de decisión desde os órganos colexiados e limitar ao máximo o uso discrecional de fondos vinculada á figura do presidente”.

O portavoz nacionalista destacou a importancia de “visualizar” un goberno “máis transparente” que para o BNG pasa por reducir “o protagonismo” da Presidencia a favor do conxunto das diferentes áreas das deputacións. E insistiu en que no caso da Deputación da Coruña as outras forzas políticas alternativas ao PP, -Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños (AV)-, “deben formar parte da negociación do organigrama da Deputación e compartir con eles o programa de goberno”. O dirixente nacionalista fixo fincapé en que a posición que adopten estas formacións será “importante” no deseño final do organigrama, “que ten que amosar a pluralidade”. “Deben intervir e manifestar as súas preferencias sobre cal debe ser a composición final dese organigrama da Deputación da Coruña e deben terciar na propia Presidencia da Coruña e expresar cal é o perfil do presidente/a que prefiren”.

Pablo Iglesias

Preguntado pola visita do secretario xeral de Pablo Iglesias, dixo que a proposta de Iglesias “está pensada para reforzar o proxecto estatal de Podemos, mais non para defender os intereses de Galiza”. Neste sentido, pediu “rigor” cando se fala de ter grupo parlamentario propio galego en Madrid, e lembrou que a única maneira, co regulamento do Congreso na man, é a través dunha candidatura con personalidade xurídica propia desde Galiza, o que non sería posíbel coa proposta de Iglesias de concorrer baixo a marca Podemos-outra cousa.

comentarios