Análise

As vellas pantasmas da dereita no Salnés

A pasada terza feira era detido Roberto Martín, irmán do alcalde do Partido Popular de Sanxenxo, Telmo Martín.

Detención de Roberto Martín, irmán do alcalde do Partido Popular de Sanxenxo.(Foto:TVG)
photo_camera Detención de Roberto Martín, irmán do alcalde do Partido Popular de Sanxenxo.(Foto:TVG)

A detención de Roberto Martín non sorprendeu no Salnés. Segundo sinalaron a Nós Diario diversos veciños da comarca, nos últimos tempos era rumor público a súa ligazón con actividades presuntamente ilícitas. Tanto é así, que o seu apresamento, a pasada terza feira, no marco dunha operación antidroga contra unha organización criminal internacional dedicada ao tráfico de haxix e cocaína non xerou sorpresa algunha.

A falla de coñecer o sumario, diversas fontes policiais indicaron que mantivera varias reunións co líder da banda e nese sentido explicaron os rexistros en catro inmóbeis da súa propiedade en Vigo, Meis, A Toxa e Meaño.

Roberto Martín

Roberto Martín é irmán do alcalde Sanxenxo Telmo Martín. Telmo, un dos poucos rexedores que lle quedan ao PP na comarca e alcalde do seu municipio entre 1996 e 2007 e desde 2017 até hoxe pasa por ser un das persoas de referencia dos populares no Salnés. Ao tempo, está considerado como un home moi próximo ao propio Núñez Feixoo, que en 2012 perdoou unha multa de máis de tres millóns de euros á empresa construtora da que Telmo era socio por supostas irregularidades nunha edificación levanta nas proximidades da praia de Silgar en Sanxenxo. Neste sentido, explícase a súa promoción a deputado no Congreso de 2011 a 2015.

A detención do irmán de Telmo Martín está a revivir vellas pantasmas da dereita no Salnés. A este respecto, na memoria da formación e da sociedade continúan aínda moi presente as vinculacións ao partido na comarca de nomes chaves do contrabando e do narcotráfico na Galiza.

Un deles, Vicente Otero Terito, iniciado no contrabando nos tempos heroicos do estraperlo na década dos 40 aproveitando os seus bos contactos con Nicolás Franco, autentico poder real de Alianza Popular (AP) en Cambados, amigo persoal de Manuel Fraga, insignia de ouro e diamantes do partido polos servizos prestados, en febreiro de 2019 aínda aparecía como un dos propietarios da sé local do PP en Cambados.

O caso Pablo Vioque

O avogado estremeño Pablo Vioque foi outro dos pesos pesados da dereita na década dos oitenta. Residente en Vilagarcía de Arousa desde 1975, secretario da cámara de comercio, avogado dunha parte importante dos narcotraficantes e persoa activa no negocio, rematou condenado a 18 anos de cárcere, tras tentar introducir dúas toneladas de cocaína na Galiza. Ao tempo, desenvolveu un intensa actividade política como fundador de AP na cidade, peso pesado do aparato galego do partido na comarca e persoa de referencia na zona de José Luís Barreiro Rivas, o todopoderoso vicepresidente da Xunta de Albor e secretario xeral de Alianza Popular na Galiza.

José Ramón Barral Nene era outro dos clásicos de AP e do PP na zona. Alcalde do concello de Ribadumia desde 1983 até 2001, dimitiu do seu cargo após ser detido nunha operación contra o contrabando do tabaco, estando considerado como o pai político do tantos anos presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán.

Precisamente, Louzán resultou decisiva na recomposición do PP na Galiza após a derrota electoral de 2005, sendo un dos baluartes principais da candidatura de Núñez Feixoo ao liderado do PP, colocando a institución ao servizo dos intereses electorais do partido e tecendo unha poderosa rede de poder na súa circunscrición.

Comentarios