O Valedor reprende a Deputación de Pontevedra sobre a contratación de arqueólog@s

A institución insta o goberno provincial a rectificar após a queixa presentada por un arqueólogo prexudicado.

Arqueoloxía

O Valedor do Pobo deulle a razón ao arqueólogo Eduardo Rodríguez após a denuncia presentada por este hai 8 meses. A razón do conflito entre este licenciado en Historia e especializado en Prehistoria e a Deputación de Pontevedra orixinouse após a súa exclusión das listaxes para unha bolsa de emprego de 2014. Os postos de traballo ofertados polo goberno provincial dirixíanse, como avanzou naquela altura Sermos Galiza, a tecnic@ arqueólog@ de campo e técnic@ arqueólog@ de laboratorio. 

Neste senso, malia contar coa formación acaída e mesmo ter traballado en 2012 para a propia deputación no Proxecto depoDeza, Rodriguez foi excluído das listaxes ao aseguraren desde o ente provincial que a súa especialidade non se correspondía coa requerida no prego de condicións, arqueoloxía. Unha titulación de recente creación. 

O Valedor sinala que o goberno provincial non pode excluír as persoas tituladas polos planos de estudos anteriores ao constituír un "atentado" aos principios de "mérito, igualdade e capacidade"

Logo de revisar o seu caso, o Valedor do Pobo recoñece, nunha resolución á que tivo acceso Sermos Galiza, que Eduardo Rodríguez conta coa "titulación exixida" polo que insta o goberno de Rafael Louzán a "proceder á rectificación da resolución" e incluír nas listaxes aquelas persoas que coma Rodríguez contan con formación malia ser dun plano de estudos anterior. 

Segundo o Valedor, "a implantación recente da especialidade específica de Arqueoloxía e incluso o seu propio grao non pode constituír un prexuízo para aqueles titulados que non tiveron acceso a tal oferta formativa". Aliás, acrecenta, "restrinxir as exixencias de títulos e especialidades ás novas nomenclaturas atenta, neste caso contra o principio de mérito, igualdade e capacidade no acceso á función pública". 

Pola súa banda, Eduardo Rodríguez amosouse "satisfeito" pola resolución do Valedor coa que dixo se disipa calquera dúbida sobre a súa "profesionalidade" e a do "colectivo en xeral".

Comentarios