Urkullu abre a porta a que Feixoo poida convocar eleccións

O PNV logrou o compromiso do Goberno español, a cambio de apoiar a prórroga do estado de alarma, para poder convocar comicios aínda que estea vixente esa situación excepcional.

Urkullu-Feijoo-

Afastados en moitos puntos, Núñez Feixoo e Íñigo Urkullu coincidían nunha: votar antes do verán. O presidente da Xunta e o lehendakari non queren que os comicios se pospoñan, conscientes de que poden ir a un escenario que non poden prever nin controlar.

O PNV puxo como unha das condicións ao Goberno español para que aprobase a prórroga do estado de alarma que se poidan convocar eleccións aínda que este estea vixente. “A vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento das eleccións a parlamentos das comunidades autónomas”. O Executivo español aceptou e abre así as portas que Euskadi vaia a eleccións, como quer Urkullu, e Galiza tamén, como quer Feixoo.

O presidente galego ten así o que desexa: alfombra vermella do Estado para convocar os comicios, o que de certo Feixoo saberá empregar para neutralizar as posíbeis críticas do PSdeG ao chamar ás urnas antes do verán.

Núñez Feixoo asumiu un compromiso coas forzas da oposición para adiar os comicios previstos para o 5 de abril: que non habería eleccións co estado de alarma vixente. PSdeG, BNG, Galicia en Común únense nas críticas ao presidente por primar o seu interese de ir a comicios por riba das garantías sanitarias. Feixoo e o PP retrucaban cun “iso non está na axenda” cada vez que se lle pregunta polas eleccións, o que casa moi mal coas chamadas do presidente da Xunta e o seu partido para acelerar cara a “normalidade”, o que permitiría chamar ás urnas.

Agora, e grazas a unha emenda do PNV, ten a chave para poder dar o paso que estaba desexando: convocar as eleccións para o momento que a el electoralmente lle interesa, por riba de calquera outra consideración.


 

Comentarios