Feixoo preme o acelerador cara á normalidade para pór as urnas no verán

“A peor solución", dixo o presidente da Xunta, sería prorrogar a lexislatura máis alá de 4 anos. Dado que esta remata en setembro, fica clara a intención de Núñez Feixoo de que a Galiza vote no verán. Nós Diario xa sinalou nas pasadas semanas que a ansia de Feixoo de voltar á normalidade viña repleta de urnas. 
Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera As eleccións galegas estaban programadas para o 5 de abril (Imaxe: Polaris / Contacto)

Non quixo falar de calendario electoral o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, desde que se adiaran os comicios galegos do 5 de abril por mor da crise sanitaria. Porén, tal e como veu sinalando Nós Diario nas últimas semanas, Feixoo quer eleccións canto antes e así quedou patente na rolda de prensa que ofreceu o domingo após a reunión de Presidencias autonómicas co xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

"A peor solución" sería prorrogar a lexislatura máis alá de catro anos, aseverou Feixoo. O mandato actual remata precisamente no mes de setembro, pois a convocatoria de abril respondera a un adianto electoral seguindo o almanaque marcado polo lehendakari vasco Iñigo Urkullu. 

Nós Diario sinalou que detrás da insistencia de Feixoo por voltar á normalidade non só había unha vontade de acelerar a reapertura comercial senón tamén de propiciar a convocatoria electoral. Mostra dese empeño por clarificar o horizonte da normalidade está en que Feixoo formulou propostas de desescalada cando aínda non se falaba dela no Estado, estase a postular en contra dunha nova prórroga do estado de alarma e leva días insistindo que a maior parte da Galiza podería saltar directamente á fase 3 do desconfinamento.

Estado de alarma non, mando único en Madrid, si

As urnas só poden chegar coa "nova normalidade" e o estado de alarma non é algo normal. De feito, o decreto polo que se adiaron as eleccións sinala que os comicios se convocarán en canto se supere o estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria. O problema para o calendario electoral está só no primeiro requirimento, pois é o Congreso quen aproba a alarma, mentres que a emerxencia sanitaria depende do Consello da Xunta. 

"Dificilmente podemos falar de achegarnos á normalidade se falamos sine die de manter o estado de alarma", dixo o presidente da Xunta ao xefe do Goberno estatal, Pedro Sánchez. 

Os presidentes de Euskadi e de Catalunya tamén están contra a prórroga do decreto da alarma. Porén, e pese a que Iñigo Urkullu tamén quer as eleccións en xullo, os mandatarios vasco e catalán opóñense baixo a reivindicación de xestionaren os Gobernos a  desescalada. En cambio, Núñez Feixoo enxalza o mando único español. Así, o domingo chegou a afirmar que el "non discute" o mando único, senón que critica que non "se acerte nas decisións". 

"Mercenario do PP"

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, sostivo na segunda feira, 4 de maio, que a oposición de Feixoo ao estado de alarma responde a "unha estratexia electoral" para "realizar eleccións canto antes" e, deste modo, "evitar que haxa debate" para poder "eximirse das súas responsabilidades" na xestión da crise. Caballero censurou tamén que o presidente da Xunta "non traslade información sobre o calendario electoral que manexa aos partidos da oposición".

O secretario xeral do PSdeG chegou a acusar Feixoo de "actuar como un mercenario do PP" en lugar de "representante das galegas e galegos", e advertiulle que a súa formación estará preparada para as eleccións "cando sexa". Caballero lembrou que propuxera os comicios para  setembro. 

Irresponsabilidade

De "irresponsábel" cualificou a actitude de Feixoo o voceiro de Galicia en Común Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, por reclamar "o final do estado de alarma na Galiza a pesar de que as cifras de evolución da epidemia demostran que a emerxencia sanitaria non está superada".

Reino ve claro que o "único interese que ten o PP no levantamento do estado de alarma é electoral" e considerou que esa actitude pon en perigo “o esforzo colectivo que teñen levado adiante as galegas e galegos" co confinamento. "Non podemos baixar a garda agora. As eleccións ao Parlamento só se poden celebrar en condicións de normalidade sanitaria e democrática”, concluíu Reino. 

A saúde, o primeiro

"O BNG considera que as eleccións se deben realizar cando sexa posíbel garantir a saúde e a vida das galegas e galegos”, dixo na segunda feira, 4 de maio, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. Nese sentido, a nacionalista sinalou que "cando Feixoo reclama a fin do estado de alarma non está a pensar na defensa dos dereitos e liberdades públicas", e engadiu que "dá a sensación de que está a pensar máis nas eleccións que na vida e na saúde das galegas". Para Pontón "nunha crise como esta, o primeiro é a saúde" e considerou que "falar de eleccións en medio desta pandemia é unha frivolidade". "As galegas están máis preocupadas polo que vai pasar co seu traballo que na realización de eleccións de forma acelerada", concluíu.

Votar na Galiza da "nova normalidade"

A pausa da precampaña, co adiamento dos comicios de abril, semella chegar ao seu fin coa insistencia de Feixoo en retomar a normalidade. Aínda que o da "pausa electoral" for, canda menos, formal, xa que a oposición critica Núñez Feixoo de estar en "campaña permanente na televisión".

Ao igual que no caso do lehendakari vasco, xullo semella a opción que ten o PP galego en mente para ir votar, aproveitando así "o ollo do furacán", un espazo de calma entre a pandemia, ante a posibilidade dun rebrote da COVID-19 no outono. "Dentro da incerteza en que vivimos, temos que aproximarnos ao escenario que nos dea maiores certezas sanitarias para poder facer unhas eleccións", dixo Feixoo. O presidente galego avanzou que seguramente sexan uns comicios diferentes, "con distanciamento, colexios electorais máis amplos, sen aglomeracións e  cunha campaña máis potente do voto por correo".

Comentarios