"A unidade patriótica, a mellor forma de asegurar a defensa das clases populares e de Galiza"

A UPG cumpre medio século. Esta formación política clave na historia do nacionalismo galego realiza este sábado (19 h, Palacio de Congresos de Santiago de Compostela) un acto político conmemorativo das súas primeiras 5 décadas de existencia. "A unidade das forzas patrióticas é a mellor forma de asegurar a defensa dos intereses das clases populares galegas e de Galiza como nación", di o seu secretario xeral, Néstor Rego.

2013, 01, 19, Conferencia Nacional da UPG, Néstor
photo_camera Néstor Rego, secretario xeral da UPG

A aliaxe de nacionalismo e marxismo chámase en Galiza Unión do Povo Galego, partido fundado en 1964 e cuxa historia contén boa parte das claves precisas para entender o desenvolvimento da auto-organización política do pobo galego durante as últimas cinco décadas.

Esta historia é obxecto de análise monográfica no caderno AFONDO que Sermos Galiza entregou co seu número 103 esta quinta feira 3 de Xullo. Nel conversamos con Néstor Rego, secretario xeral da UPG, nunha entrevista asinada por Roberto Vilameá. Perguntado por cales son as chaves que explican a continuidade histórica da Unión do Povo Galego, Rego esclarece que a explicación está "en que a UPG respondeu e responde a unha necesidade obxectiva do povo galego, da nación e da clase traballadora".

Para o dirixente nacionalista, o "grande logro" da UPG ao longo das súas cinco décadas de existencia é o de ter construído "os alicerces teóricos e prácticos do nacionalismo contemporáneo". Iso e tamén ter utilizado por vez primeira o marxismo como método de análise "para explicar a situación da Galiza, política, económica e culturalmente, como nación colonizada".

O Palacio de Congresos de Santiago de Compostela acolle este sábado (19 h) o acto comemorativo do 50 aniversario da UPG

Na entrevista, o secretario xeral da UPG referérese á procura da unidade do nacionalismo como un dos obxectivos que persegue non só este partido, mais tamén a fronte, o BNG, na que se acha integrado.

Auto-organización e soberanía

A este respeito, Rego afirma literalmente o seguinte: "A nosa actuación como partido sempre tivo como prioridade a unidade das forzas patrióticas como mellor forma de asegurar a defensa dos intereses das clases populares galegas e de Galiza como nación. Esta unidade concretouse durante os últimos 30 anos no BNG que para nós continúa a ser a mellor expresión da unidade na pluralidade do nacionalismo". E engade: "Calquera outro proceso de unidade, para alén de implicar a necesaria vontade de outros que hoxe é evidente que non existe, terá de pasar, como estabeleceu a XIV Asemblea do BNG, polo respecto e a práctica da auto-organización e da soberanía".

A íntegra desta entrevista podes achala no nº71 do AFONDO, caderno de análise que fai parte do nº 103 de Sermos Galiza. Disponíbel nos quiosques e na nosa loxa.

Comentarios