Parlamento

BNG e PSdeG súmanse á condena unánime aos crimes de ETA mais afean ao PP que "o consenso esvaece coas vítimas do franquismo"

As forzas da oposición critican a "banalización" dos populares co "comodín de ETA" mentres "Feixoo di que non hai que falar de mortos ou que a guerra civil foron pelexas dos nosos avós".
Sesión plenaria do Parlamento de Galiza. (Foto: Parlamento)
photo_camera Sesión plenaria desta cuarta feira. (Foto: Parlamento)

O Parlamento da Galiza aprobou esta cuarta feira, por unanimidade, unha proposición non de lei para instar o Goberno estatal a desenvolver accións que "manteñan viva" a memoria das vítimas do terrorismo de ETA. A iniciativa, proposta polo grupo parlamentario popular, foi apoiada pola totalidade dos deputados presentes na votación, que animan así a Moncloa a traballar por lembrar ás vítimas, "especialmente entre a mocidade".

"Todos nós, como demócratas, temos a obrigación de manter viva a memoria e o espírito de Ermua xa que, se non segue vivo, gañan os que tratan de reescribir con equidistancia unha historia que é un puntal da nosa memoria democrática", defendeu o deputado popular Adrián Pardo. Na súa intervención, Pardo comentou que un estudo sociolóxico publicado este ano "demostra o esquecemento e descoñecemento que se ten do secuestro e asasinato de Miguel Ángel Blanco, así como doutras vítimas coñecidas e simbólicas de ETA".

Nesta liña, o popular instou a lembrar o movemento social xerado polo asasinato de Miguel Ángel Blanco, "que permitiu apontoar durante anos os principios democráticos fronte a unha das principais ameazas que a sociedade española tivo que superar ao longo do último medio século, como foi a secuela do terrorismo".

"A democracia española é o que é grazas, entre outras cousas, a esta unión que fixo que derrotásemos ao terrorismo etarra", asegurou, tras o que agradeceu o seu traballo ás forzas e corpos de seguridade do Estado, concelleiros, a sociedade civil e as vítimas do terrorismo. Concluíu reivindicando a "España comprometida coa memoria, a dignidade e a xustiza das vítimas do terrorismo; na que ninguén teña que sentir medo, ser increpado ou ameazado por defender as súas ideas".

Críticas por "banalizar" o terrorismo

Pola súa parte, a deputada socialista Noelia Otero, tras coincidir coa exposición de motivos dos populares, puxo o foco en que ETA "foi vencida hai máis de 15 anos", polo que non se debe utilizar o sufrimento causado pola banda, "tal e como demandan as vítimas", como "arma política". "Neste exercicio de memoria é necesario non esquecer o fundamental, que a banda foi derrotada", incidiu.

Ao fío disto, afeou que os populares, a nivel estatal, empreguen o achegamento dos presos como azoute ao Goberno de Pedro Sánchez. "Non hai política terrorista porque, afortunadamente, xa non hai terrorismo", remarcou. No tocante á recuperación da memoria, Otero censurou a postura do PP a respecto da Lei de memoria democrática e as vítimas da guerra civil e o franquismo, que "tamén merecen ser lembradas".

Nos mesmos termos expresouse o deputado nacionalista Daniel Castro, que desexou que o consenso que existe, "e debe existir", arredor das vítimas de ETA tamén se dea coas vítimas do franquismo. "Aí o consenso esvaece porque o PP dá un paso ao lado, con [Alberto] Núñez Feixoo dicindo que non hai que falar de mortos ou que a guerra civil foron pelexas dos nosos avós", sinalou Castro.

Aliás, e logo de condenar a violencia exercida pola banda terrorista e remarcar o respecto por todas as vítimas e a necesidade de manter vivo o recordo da dor que causou, o nacionalista criticou que os populares "saquen a ETA cando lles vai mal".

"O exemplo máis recente témolo na manifestación que houbo en Madrid en contra do desmantelamento da sanidade pública, cando ao día seguinte [Isabel Díaz] Ayuso saíu falando de ETA", comentou, sinalando ademais que este tipo de "banalización" ten dúas consecuencias moi claras: que ETA torne nun "comodín" e que se lle inflixa dor ás vítimas, "como denunciou Consuelo Ordóñez" —irmá de Gregorio Ordóñez, concelleiro do PP asasinado por ETA—.

Comentarios