venres 03/12/21

Unanimidade no Parlamento para reforzar a atención á endometriose

60.000 mulleres padecen esta doenza na Galiza.
A endometriose afecta, de forma especialmente grave, máis de 9.000 mulleres no país (Foto: Europa Press).
A endometriose afecta, de forma especialmente grave, máis de 9.000 mulleres no país (Foto: Europa Press).

A Comisión de Sanidade da Cámara galega aprobou nesta quinta feira, por unanimidade dos tres grupos parlamentarios, unha proposición non de lei para instar a Xunta a reforzar a atención ás mulleres afectadas por endometriose.

Esta doenza afecta "60.000 mulleres na Galiza, 9.000 delas en estado grave", segundo expuxo a deputada responsábel de Sanidade do BNG Montse Prado, quen defendeu a iniciativa a raíz das demandas da plataforma querENDO.

Deste modo, o Parlamento deu luz verde á creación de consultas específicas da endometriose en todas as áreas sanitarias (actualmente só existen nas da Coruña, Vigo e Ourense), así como a ampliación dos tempos de atención nas mesmas. Hoxe o tempo medio de diagnose, asegurou Prado, rolda os oito anos.

"Nese tempo a doenza podería estar controlada e mesmo freada con diagnósticos precoces", salientou. Tamén se acordou a posta en marcha de campañas de divulgación da doenza e contribuír á "formación e actualización do persoal sanitario que está en contacto coas pacientes", como matronas, médicos de familia ou profesionais de enfermaría, xinecoloxía e anestesioloxía.

No tocante ás unidades de fertilizada, o Parlamentou votou a prol de ofrecer unha "atención diferenciada" ás doentes de endometriose, así como aumentar os recursos e tratamentos dispoñíbeis. Na Atención Primaria tamén se reforzarán os medios técnicos e humanos. Por outra banda, a Cámara instará o Goberno estatal a incluír os tratamentos para a endometriose entre os financiados pola Seguridade Social.

O PP tomba parte do texto

A negativa do Partido Popular impediu sacar adiante catro puntos da proposta do BNG, entre os que se atopaban a petición de convocatoria dun Consello Interterritorial para abordar esta problemática e trasladar "as especificidades da Galiza" e unha solicitude ao Sergas para que xestionase e custease a doazón de óvulos ás mulleres doentes que o precisasen.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Con todo, a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo salientou que a Xunta "leva traballando desde hai tempo na mellora da atención á saúde das mulleres con endometriose, para o que se conta coa colaboración de profesionais de distintas categorías e especialidades".

Unanimidade no Parlamento para reforzar a atención á endometriose
comentarios