Un ex-alto cargo recoñece que a emisión de subordinadas foi autorizada polos gobernos de Fraga

O PP leva meses intentado botar balóns fóra pola estafa financeira, pero a declaración no Parlamento do ex director xeral de Política Financeira confirma que foi a Xunta de Fraga quen avalou as subordinadas

comisión das caixas

Malia os obstáculos que a oposición asegura que está a poñer o PP para o seu desenvolvemento, a comisión parlamentaria que investiga o desastre das caixas galegas xa empeza a deitar luz sobre algúns aspectos. Por exemplo, a comparecencia do ex director xeral de Política Financeira da Xunta entre 1997 e 2004, José Álvarez Cobelas, confirmou que a Administración autonómica que presidía Manuel Fraga autorizou “dúas ou tres emisións” de obrigacións subordinadas das antigas caixas de aforro que agora forman parte da monumental estafa financeira que afectou a milleiros de galeg@s.

Comezou o calote co PP no poder -e mesmo durante un tempo con Feijóo como conselleiro- se ben o ex director xeral negou que os gobernos de Fraga tivesen que ver coa emisión de preferentes, xa que estas non eran da súa competencia. “Coas subordinadas, o cometido da Xunta residía en verificar que se cumprían os requisitos establecidos na lei do mercado de valores, que permitía unha liberdade de emisión”, explicou a preguntas da oposición.

Pola súa banda, tamén compareceu na Comisión o profesor universitario de Economía Aplicada Ángel Vilariño Sanz, que afirmou que o das caixas foi “un problema de xestión” e defendeu a creación dunha banca pública após as preguntas nese sentido de BNG e AGE.  

Comentarios