18-F

A TVG emite a entrevista con Ana Pontón á mesma hora do debate na TVE

O BNG solicitou mudar o horario da emisión da entrevista, mais a televisión pública non atendeu a petición.

Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede central da CRTVG en San Marcos (Foto: Nós Diario)

Esta noite, ás 22 horas, haberá Ana Pontón por partida dupla na grella televisiva. A líder do BNG e candidata nacionalista á Presidencia da Xunta da Galiza estará a esa hora no debate organizado pola TVE sobre as eleccións galegas.

Ao tempo. E tamén ás dez da noite, a TVG emitirá a entrevista que fixo á candidata nacionalista. Quen queira ver a entrevista con Pontón na Galega non poderá seguir o debate ao vivo na TVE e viceversa.

A coincidencia non pasou desapercibida nas redes sociais, onde usuarios e usuarias criticaban a coincidencia e preguntaban por que non se optaba no medio público galego por mudar o horario da emisión da entrevista.

Unha das persoas chaves na campaña do BNG, Rubén Cela, respondía en X ás preguntas que se lle formulaban neste sentido: “Solicitámoslle á TVG cambiar a data de emisión da entrevista ao coincidir co debate da TVE. Trasladáronnos que “non era posíbel”.

Así pois, a CRTVG mantén o horario de emisión ás 22 horas, a mesma faixa na que TVE emitirá o seu debate sobre o 18-F, unha cita na que non estará presente o presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, e ningún outro representante do PP. 

Unha ausencia criticada desde os outros candidatos, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, que si estarán no debate. Ambos os dous denunciaron a actitude do actual presidente e candidato popular, ao etender que a súa ausencia supón renunciar a explicar ante os galegos e galegas as súas propostas e furtar a posibilidade dun debate.

O propio comité de empresa de RTVE-A Coruña trasladou a súa "máis enérxica protesta" pola decisión do PP de que nin o candidato para os comicios do 18 de febreiro e actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, nin ningún outro dirixente do partido vaia ao debate electoral previsto para o próximo día 14, o que consideran "un veto".

Comentarios