18-F

A Xunta Electoral rexeita os recursos de Sumar e Podemos pola súa exclusión do debate desta cuarta feira en TVE

Tamén tomba a impugnación de Vox contra o plan de RTVE e confirma a sanción contra Abel Losada por un acto "electoralista"

TVG debate 5 candidatos
photo_camera Imaxe do debate a 5 na TVG (Foto: TVG)

A Xunta Electoral Central (XEC) rexeitou os recursos presentados por Sumar e Podemos contra a exclusión das súas candidatas do debate electoral que organiza esta cuarta feira TVE e ao que, após declinar a súa participación o aspirante do PP, Alfonso Rueda; asistirán a nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Gómez Besteiro.

Tanto Sumar como Podemos impugnaran o plan de cobertura de Corporación Radio Televisión Española ante a xunta electoral galega, que desbotou o recurso, como tamén fixo co de Vox que demandaba que a súa candidatura fose considerada por diante das da coalición encabezada por Marta Lois e o partido morado ao entender que, ao presentarse por separado, non poden ser consideradas herdeiras da coalición que concorreu ás xerais de xullo.

No tres casos, a través de resolucións facilitadas aos medios s polo TSXG, a XEC desestima os recursos e valida o criterio seguido pola xunta galega. Así, lembra que existen case unha ducia de acordos emitidos pola propia XEC desde 1989 que determinan que non resulta contrario á lei electoral que se limite a participación en debates electorais ás organizacións con representación "nas últimas eleccións equivalentes".

Por tanto, desbota ordenar a RTVE incluír no debate da noite da cuarta feira ás candidatas Marta Lois por Sumar e Isabel Faraldo, de Podemos. Estes últimos, tamén demandaran ante a autoridade electoral que se lles priorizase por diante da súa ex socios de coalición, Sumar, no tratamento da súa información no bloque de campaña e na orde das entrevistas concedidas aos candidatos.

Con todo, a XEC rexeita os seus argumentos e lembra que a xurisprudencia estabelece que, para estabelecer quen ten preferencia no caso de formacións que concorreron xuntas en anteriores comicios pero agora fano por separado, levan a cabo uns cálculos en función dos resultados logrados e o peso de cada unha dentro da candidatura.

Estes cálculos, continúa, estabelecen que tanto a Sumar como a Podemos correspóndelles ser tratados como forza política significativa, pero descarta que poidan agregarse ao partido morado os apoios logrados por Recortes Cero, coa que se presenta en coalición ás eleccións do domingo 18 de febreiro.

Por tanto, ratifica o acordo da xunta electoral galega, como tamén fai co recurso que presentou Vox que pedía ser considerado tamén un grupo político significativo por diante de Sumar, xa que entendían que esta é unha candidatura nova que, ao separarse de Podemos, non pode ser considerada herdeira da coalición que concorreu ás xerais de xullo nas que logrou case o 11% dos votos e dous escanos pola Galiza.

Nunha resolución na que un membro da xunta emitiu un voto particular que non foi aínda trasladado, apela tamén ao citado cálculo sobre o peso repartido entre Sumar e Podemos polo que lle corresponde "un 5,46% dos votos válidos" nas xerais do 23 de xullo, superando o limiar do 5% "que constitúe o requisito para a súa consideración como grupo político significativo" que marca a instrución da XEC de 2011.

Comentarios