O TSXG ratifica a nulidade do nomeamento de Mónica Martínez como concelleira de Deportes da Coruña

A edil deberá devolver á Administración local a diferenza da retribución que percibiu como membro da corporación con responsabilidades de goberno e a que lle correspondería como non adscrita após abandonar Ciudadanos.
A edil de Deportes da Coruña, á esquerda, nun acto recente canda a alcaldesa, Inés Rei. (Foto: Concello da Coruña)
photo_camera A edil de Deportes da Coruña, á esquerda, nun acto recente canda a alcaldesa, Inés Rei. (Foto: Concello da Coruña)

En setembro de 2020, após abandonar no verán a formación coa que concorrera ás eleccións, Ciudadanos, a concelleira entón non adscrita Mónica Martínez Lema foi designada pola alcaldesa da Coruña, Inés Rei, como membro da Xunta de Goberno e responsábel da área de Deportes. A Marea Atlántica denunciou este movemento ao consideralo "transfuguismo", e un xulgado de primeira instancia da cidade deulle a razón o pasado abril, nun veredicto recorrido pola propia Martínez e mais o Concello.

Agora, nunha sentenza difundida esta cuarta feira, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ratifica a nulidade do seu nomeamento e confirma tamén que a edil deberá reintegrar á Administración local a diferenza entre a retribución percibida á fronte de Deportes e a que lle correspondía como integrante da corporación con anterioridade.

Nesta nova resolución, a sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG apunta que "non se discute que a concelleira ten a consideración de membro non adscrito, nin que os actos administrativos impugnados lle recoñecen dereitos económicos superiores aos que lle corresponderían de permanecer no seu grupo de procedencia".

Así, os xuíces fan fincapé en que a contía percibida "non está permitida" ao abeiro do artigo 73.3 da Lei reguladora das bases do réxime local, que dispón que "os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles corresponderían de permanecer no grupo de procedencia".

Esta sentenza incide tamén en que a mesma lei estabelece que, "a efectos da súa actuación corporativa", os membros das corporacións locais "constituiránse en grupos políticos, na forma e cos dereitos e as obrigas que se estabelezan, con excepción daqueles que non se integren no grupo político que constitúa a formación electoral pola que foron elixidos ou que abandonen o seu grupo de procedencia, os cales terán a consideración de membros non adscritos".

A lei, subliña o alto tribunal galego, é "clara", polo que "non procede interpretala". O veredicto contou co voto particular dun maxistrado, que entende que cumpría acoller o recurso de apelación no referente á obriga do reintegro das cantidades que, en exceso, puido percibir a concelleira.

Este xuíz asegura que "non procedía ordenar o reintegro das retribucións que en exceso recibira a concelleira, por máis que as resolucións da alcaldesa fosen desconformes a dereito, tanto en canto ao alcance económico, como ao político da súa anómala decisión".

Así, considera que "se a concelleira dispuña dun título xurídico, no seu momento lexítimo, e se a entidade local se viu favorecida polos traballos e decisións que adoptou, tiña que retribuílos, pois doutra maneira se produciría un enriquecemento indebido para as arcas municipais". A sentenza do TSXG non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso.

Comentarios