A xustiza anula o nomeamento da antiga edil de C's, Mónica Martínez, como integrante do Goberno local da Coruña

A sentenza, sobre a que aínda cabe a apelación, explica que a ex de Ciudadanos debe deixar o Executivo local, ademais de reintegrar o percibido como concelleira de Deportes.
Mónica Martínez nun acto como concelleira de Deportes na Coruña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mónica Martínez nun acto como concelleira de Deportes na Coruña. (Foto: Europa Press)

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da Coruña estimou o recurso da Marea Atlántica fronte á resolución da Alcaldía do Concello da Coruña, do 2 de decembro de 2020, pola que se nomeou a antiga edil de Ciudadanos (C's), Mónica Martínez, concelleira responsábel de Deportes como integrante da Xunta de Goberno Local.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xulgado acorda deixar sen efecto o nomeamento de Martínez, cuxa designación como edil de Deportes foi cualificada como un caso de "transfugismo" desde a Marea Atlántica.

A xuíza considera que as resolucións recorridas vulneran a lexislación da Lei de Bases de Réxime Local "pois supoñen que a concelleira non adscrita asume novos cargos económicos con incremento das súas retribucións, polo que procede a declarar a nulidade das mesmas".

A sentenza, sobre a que aínda cabe a apelación, explica que a ex de C's debe deixar o Executivo local, ademais de reintegrar o percibido como concelleira de Deportes.

Devolución do salario percibido

Neste sentido, o xulgado detalla que o Concello da Coruña debe "cuantificar as cantidades percibidas como consecuencia dos devanditos acordos, que deberán ser reintegradas ao concello cos intereses correspondentes". A asignación anual de Mónica Martínez é de 16.000 euros.

Mónica Martínez foi elixida concelleira por C's nas eleccións municipais de maio de 2019 e quedou integrada no Grupo Mixto. En xuño de 2020 solicitou a súa baixa no partido e, posteriormente, pasou a formar parte do goberno local como edil non adscrita.

A portavoz de Marea Atlántica, María García, xustificou a demanda presentada pola formación contra o nomeamento da edil porque, "seguindo o pacto antitransfuguismo, este tipo de concelleiros que abandonan o seu partido de orixe non poderán entrar a formar parte de gobernos e asumir responsabilidades de xestión".

Comentarios