Tsipras amosa o seu apoio a AGE e anuncia "un gran cambio en Europa"

O líder de Syriza falou nun acto electoral en Compostela, ao que acudiron centos de persoas e no que prognosticou un bo resultado para a esquerda "moi especialmente para AGE en Galiza". "Hai que recuperar a democracia", dixo o dirixente grego.

tsiripas-port
photo_camera tsiripas-port

O líder da Syriza grega e candidato a presidir a Comisión Europea, Alexis Tsipras, amosouse "moi optimista" cos apoios da coligación que fai parte de cara ás eleccións europeas, xa que cre que vai ter uns resultados "moi positivos", "especialmente AGE en Galiza" e "Izquierda Unida en España". O dirixente da esquerda grega participou nun acto electoral en Compostela, ao que acudiron centos de persoas e que finalizou co canto do 'Grândola, Vila Morena".

"Son moi, moi optimista e coido que obteremos uns resultados moi positivos para a esquerda europea, seremos a sorpresa positiva nos próximos comicios, e especialmente en Galiza, por medio de AGE, como Izquierda Unida en España e tamén Syriza en Grecia", apuntou Tsipras en declaracións aos medios. "Coido que isto será o principio dun gran cambio en Europa, porque é necesario mudar os equilibrios de forzas para parar a austeridad e recuperar democracia", proseguiu na súa argumentación o líder grego.

O acto reuniu a Tsipras con Willy Meyer, número 1 de IU a Europa, e Lidia Senra, candidata de Anova e número 5 da listaxe

Tsipras considera que "após catro anos consecutivos de austeridade, recesión e destrución de cohesión social e con incremento de desemprego resulta necesario parar estas políticas, é imprescindíbel reconstruír a Europa social". "Europa non son os bancos, non é o capital, Europa é a xente que necesita un cambio para sobrevivir e para soñar que viviremos nun futuro mellor, especialmente a mocidade", asegurou.

Desemprego

Nesta liña, atopou semellanzas entre a situación actual de Galiza e de Grecia. "Todo o mundo sabe que en alí estamos ante unha crise humanitaria, pero temos moitas situacións comúns con Galiza, sei que aquí o desemprego tamén é moi, moi alto". "É o momento de dicir que abonda desta política que destrúe soños, cómpre recuperar democracia", sentenciou na súa intervención.

Tsipras participou nun acto no que tamén interveu a candidata de Anova Lidia Senra, o cabeza de lista de Izquierda Unida, Willy Meyer; e @s voceir@s parlamentares de AGE, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz.

Comentarios