Porta entreaberta para Vox na Galiza

O 'momento doce' dos ultras no Estado pode influír na política galega.
O presidente de Vox, Santiago Abascal e o candidato pola Coruña, Ricardo Morado, este domingo no Monte do Gozo (Álvaro Ballesteros/EP).
photo_camera O presidente de Vox, Santiago Abascal e o candidato pola Coruña nas eleccións galegas, nunha imaxe de arquivo (Foto: Álvaro Ballesteros /Europa Press).

“Cando a barba do teu veciño vexas pelar, pon a túa a remollar” sentencia o coñecido refrán. Os veciños, Castela e León, deitáronse o domingo coa extrema dereita como terceira forza parlamentar, 13 escanos e 17,6% dos votos. Á vista dos resultados e do 'momento doce' que as enquisas e sondaxes dan para Vox no Estado español, debería a Galiza prepararse para no seu vindeiro ciclo electoral deixar de ser un dos poucos territorios — canda Nafarroa, Canarias e A Rioxa— sen presenza desta formación? As súas concorrencias electorais na Galiza até o de agora resultaron en balde: candidaturas en 13 concellos de 313 nas municipais de 2019 —non lograron representación—, sen deputados polas circunscricións galegas nas estatais de 2019 (7,9% dos votos) e irrelevancia nas eleccións galegas de 2020 (2% dos sufraxios).

Miguel Bastos, profesor na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago (USC), non ve moito espazo para Vox na Galiza: "O seu erro é reproducir aquí un discurso mimético de Madrid, sen facer un, digamos "populismo galego" de dereitas". Ao que engade "que non teñen organización no país".

PP permeábel aos ultras

Para a politóloga e socióloga Ana Iglesias "aínda fica moito politicamente" para unhas eleccións polo que "calquera predición sería moito aventurar". Apunta, porén, que de se manter a actual dinámica "na Galiza pode acabar pasando como no resto dos territorios e ter representación", se ben, engade, iso dependerá moito de como estea o Partido Popular galego.

Esta reflexión sobre o PP partíllaa Miguel Fernández, do Foro Galego da Inmigración, que mostra a súa preocupación pola "normalización" dos "discursos racistas" que implica Vox e que "desde o Congreso chegan ás comunidades".

Fernández ve no feito de que na Galiza xa goberne a dereita un escenario que axuda a "concentrar" o voto no PP e non dispersalo por temor a que esa división favoreza a esquerda.

Mais ao tempo recoñece que o que aconteceu en Castela e León "pode darse aquí" e acredita en que "se logran un só deputado e ao PP lle fai falta para a Xunta, non teño dúbidas de que pactarían". Neste sentido, di, se o PP non fai na Galiza o discurso ultra na procura de caladoiros de votos de Vox que fai noutros territorios é por entender "que aquí iso non acaba de callar, polo menos até hoxe". Agora ben, engade, "non teño dúbidas de que se ve que necesita radicalizar o discurso, vaino facer".

Iglesias tamén afonda nesta reflexión e apunta a que xa determinados líderes do PP na Galiza si que "van deixando pinceladas de discursos máis agresivos, contra o nacionalismo, contra o que cualifican como progres". Lembra, tamén, como no pasado o Partido Popular galego "non tivo reparos" en recorrer a un discurso "ultra" e "agresivo", como o da "imposición del gallego" de man da plataforma 'Galicia Bilingüe".

O perigo, pois, estaría nun PP galego "asumindo e naturalizando" partes do discurso de Vox máis que en que o partido españolista logre obter representación na Galiza. 

Comentarios