O adianto electoral impulsa a ultradereita en Castela e León

O PP obtén dous escanos máis que en 2019, mentres Vox capitaliza o declive de Ciudadanos. UPL e Soria Ya! entran con forza nun Parlamento do que fica fóra Coalición polo Bierzo, que superou 5% dos votos en varios municipios da comarca como a propia capital, Ponferrada, mais no conxunto da circunscrición de León os apoios traducíronse en 1,11%.
Alfonso Fernández Mañueco (PP), este domingo, celebrando os resultados na sede do seu partido (Foto: Manuel Ángel Laya / Europa Press).
photo_camera Alfonso Fernández Mañueco (PP), este domingo, celebrando os resultados na sede do seu partido (Foto: Manuel Ángel Laya / Europa Press).

O PP foi a formación máis votada para as Cortes de Castela e León con 31,43% (-0,06 puntos) dos sufraxios, o que se traduce en 31 procuradores, dous máis que en maio de 2019, seguido do PSOE, con 30,06% (-4,79 puntos) que lle deron 28 deputados, polo que perde sete.

Pola súa parte, a ultradereita de Vox convértese na terceira forza con 17,63% dos sufraxios e unha suba de un a trece procuradores, e terá representantes de todas as provincias agás Soria, aínda que Valladolid foi a circunscrición na que obtivo máis apoios, ao obter tres escanos, mentres que logrou outros dous por Burgos, León e Salamanca e un por Ávila, Palencia, Segovia e Zamora.

A irrupción de Soria YA!, con tres escanos e sendo a forza máis votada nesta provincia (42%), deixou a populares e socialistas á mínima expresión, cun escano cada un, polo que a entrada desta formación, que naceu como plataforma cidadá hai 21 anos, arrebatoulle dous procuradores ao PSOE e un ao PP.

Outra das formacións que logrou os seus obxectivos e conseguiu os mellores resultados da súa historia é Unión do Pobo Leonés (UPL), que pasou de 1 a 3 escanos e alcanzou 4,3% dos votos (2,26 puntos máis que en 2019), o que se traduce en que a formación leonesista lle roubou dous procuradores ao PSOE.

Seguirá formando parte do arco Parlamentario a formación Por Ávila, que xurdiu dunha escisión do PP abulense e cuxa constitución liderou o actual alcalde de Ávila e quen fora presidente da Deputación, baixo as siglas do PP, Jesús Manuel González Cabrera. Esta formación logrou manter o escano que conseguiu en 2019.

Unidas Podemos e Ciudadanos saíron peor parados desta cita electoral, xa que a formación violeta perdeu un escano e tan só terá un procurador pola provincia de Valladolid, ao lograr 5,08% dos votos, mentres que Ciudadanos esborralla de doce a un só un procurador, ao perder 10,4% dos apoios obtidos en 2019.

Pola súa parte, Coalición polo Bierzo perdeu apoios a respecto dos comicios de 2019, pasando de 3.732 votos (1,43% sobre a circunscrición de León, mais 0,27% sobre o total) a 2.508 (1,11% e 0,21%). A formación, porén, superou 5% dos apoios na meirande parte dos municipios da comarca, incluída a capital, Ponferrada (5,41%).

Resultados das eleccións en Castela e León

Comentarios