POLÍTICA

"Temos un problema político moi importante de desgaleguización"

QUINTANA REAPARECE NUN FORO PÚBLICO

"Temos un problema político moi importante de desgaleguización"

Anxo Quintana participará esta quinta feira nun foro ourensán após cinco anos sen falar en público. "Estou desentrenado", aseguraba el propio na súa conta twitter.

O que foi vice-presidente da Xunta de Galiza (2005-2009) polo BNG, Anxo Quintana, reaparecerá nun acto público esta quinta feira. Será nun Foro organizado polo xornal La Región. Nunha entrevista concedida ao diario ourensán, di que non volverá á política activa nen a un cargo institucional. "Iso rematou", sinala. Porén, após cinco anos nun segundo plano, Quintana volve dar a súa opinión sobre a situación política, social e económica de Galiza. 

"Volver á política como carreira e con cargo, iso rematou"

'Que pasa con Galiza?'. Esa é a pregunta á que tentará dar resposta o ex-vicepresidente da Xunta e actual empresario, quen salienta os "problemas estruturais" que atinxen o país como un dos factores da actual realidade. No entanto, Quintana amósase certo de que son tamén "outros engadidos pola crise que teñen España e Europa" os que acrecentan esta situación. 

Para o ex portavoz nacional do BNG, o maior problema co que se atopa actualmente Galiza é, precisamente, esa "desgaleguización" que, di, fai que sexa concibida como "unha extensión de España" impedindo, salienta, que poida "aproveitarse dos seus recursos no seu propio beneficio". 

Quintana defende o xurdimento dunha "nova política de cidadáns" que "desde Galiza" constrúan un novo modelo en defensa "dos nosos bens e recursos" mais asegura sentirse preocupado polo actual "panorama política" no que di hai un espazo para o PP e outro para toda a "oposición de esquerda afrontada ó PP". 

A respeito do proceso independentista catalán, Quintana afirma que é "un proceso democrático" mais "non transportábel a Galiza" pois, di, "aínda temos que convencernos do que podemos ser" e "insuflármonos autoestima".

comentarios