Paulo Carlos López, portavoz do Movemento Sumar Galicia, que hoxe se rexistrou como partido

A deputada Verónica Martínez rexistrou esta mañá o partido no Ministerio do Interior, un paso que esta segunda feira adiantou en exclusiva 'Nós Diario'. Nos próximos días darase a coñecer a comisión promotora do espazo.
paulo carlos
photo_camera Paulo Carlos, con Yolanda Díaz e Marta Lois (Foto: Sumar)

A deputada de Sumar Galicia no Congreso dos Deputados pola circunscrición de Pontevedra, Verónica Martínez, vén de rexistrar Movemento Sumar Galicia como partido político no Ministerio do Interior, unha noticia adiantada en exclusiva por Nós Diario a pasada segunda feira. Movemento Sumar Galicia nace así “como unha organización galega autónoma que estará federada con Movemento Sumar a nivel estatal”.

Esta organización afirma que “as máis de 3.500 persoas inscritas en todo o país veñen de recibir, na mañá de hoxe, unha carta asinada por quen exercerá como portavoz da promotora, Paulo Carlos López, na que se compromete a “seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá”. López foi un dos dirixentes de Compromiso por Galicia e candidato por esta formación nas eleccións europeas de 2014, dentro de Coalición por Europa, da man de CiU, PNV e Coalición Canaria.

Desde a promotora, cuxa composición se coñecerá nos próximos días, apelan “á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político”. “Nunca renunciamos e nunca renunciaremos á unidade”, afirmou esta mañá o portavoz nacional, Paulo Carlos López López.

“O rexistro de Movemento Sumar Galicia supón un paso fundamental para concorreren ás vindeiras eleccións ao Parlamento da Galiza”. “Movemento Sumar Galicia nace para gobernar este país e queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso na Galiza cun cambio de Goberno”, sinalou Paulo Carlos López.

Sumar Galicia di que aspira “a aglutinar a intelixencia colectiva das moitas persoas que conforman este movemento e que comparten un proxecto de país aberto e inclusivo, construído desde o diálogo e a escoita”.

Paulo Carlos López López ten 37 anos e é veciño de Betanzos. É profesor no Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. É doutor en Ciencia Política pola Universidade de Valencia e doutor en Comunicación pola Universidade de Santiago. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración. Licenciado en Xornalismo. Membro do Equipo de Investigaciones Políticas e secretario académico de varios congresos internacionais de comunicación política. No seu día estivo no espazo de Compromiso por Galicia.

Comentarios