Sumar ve "difícil" unha coalición con Podemos na Galiza tras a ruptura no Congreso

"A pregunta creo que hai que trasladarlla a Podemos Galicia, pero en calquera caso recoñezo que o contexto non é fácil para entender neste momento o papel que tería Podemos no marco de Sumar Galicia", dixo Marta Lois, que chamou as cinco deputadas de Podemos a "devolver" as actas a Sumar após marcharen ao Grupo Mixto.
Marta Lois, portavoz de Sumar, esta terza feira na sala de prensa do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Marta Lois, portavoz de Sumar, esta terza feira na sala de prensa do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, admitiu esta quinta feira que ve "difícil" unha posíbel coalición con Podemos para as futuras eleccións galegas tras a decisión "unilateral" dos morados de abandonar o grupo no Congreso, se ben precisou que son as e os representantes desta formación na Galiza quen deben pronunciarse ao respecto. "A pregunta creo que hai que trasladarlla a Podemos Galicia, pero en calquera caso recoñezo que o contexto non é fácil para entender neste momento o papel que tería Podemos no marco de Sumar Galicia", manifestou en declaracións a TVE, cuestionada sobre se afectará a ruptura parlamentaria aos comicios galegos.

Lois subliñou que Sumar é unha forza que "sempre tivo a man" para unificar o espazo da "esquerda alternativa ao PSOE", pero matizou que "hai que ser un pouco realistas" no caso galego e que corresponde a Podemos Galicia determinar que postura adoptar sobre a decisión da cúpula estatal de deixar Sumar e marchar ao Grupo Mixto da Cámara baixa. Tamén recoñeceu que "de forma evidente" resulta "mais difícil entender a acomodación de Podemos nese espazo", para salientar con todo que Sumar trata de armar un proxecto de "aglutinación" de forzas de esquerda que sexa "decisivo" na esquerda.

Os escanos, "de Sumar"

Cuestionada pola posición dos 'comuns' cataláns, que esta cuarta feira pediron aos deputados e deputadas morados abandonar os seus escanos tras marcharen ao Mixto —unha posición á que hoxe se suman representantes de Más País—, a portavoz parlamentaria asegurou compartir a idea de que as actas de Ione Belarra, Lilith Verstrynge, Javier Sánchez Serna, Martina Velarde e Noemí Santana pertencen a Sumar, pero que é o momento de "ir máis aló" e mirar de cara ao futuro para "cumprir os compromisos" do acordo de Goberno.

Con todo e noutra entrevista en Catalunya Ràdio esta quinta feira, Lois concretou: "Se abandonas a formación política, en boa lóxica, tería que devolverse a acta". Mais garantiu que vai "dialogar" cos morados e o resto de forza políticas no Congreso, porque hai que ter "altura de miras" para sacar adiante leis necesarias durante a lexislatura.

Iso si, Lois insistiu en que Podemos incorreu nun incumprimento flagrante do acordo de coalición coa súa "ruptura unilateral" con Sumar para ir ao Mixto, un posicionamento que recibiron con "sorpresa" e do que tiveron coñecemento nun primeiro momento "polos medios de comunicación". Por tanto, lamentou ese exercicio de "deslealdade" cos máis de tres millóns de votantes de Sumar nas pasadas eleccións estatais, máxime cando o proxecto que abandera Yolanda Díaz foi "xeneroso", dixo, para conseguir unha coalición de esquerdas que permitiu revalidar o Goberno co PSOE.

Cuestionada sobre se os morados incorreron en transfuguismo, Lois eludiu mencionar este termo pero apostilou que é un feito obxectivo que esta forza política acudiu ás eleccións para formar parte dun grupo parlamentario, que é Sumar, e que o abandonou. En consecuencia e nun contexto de "fustrigación" das dereitas a nivel europeo, confiou en que "ningún deputado" se confunda "de adversario" e entre todos remen "a favor" da lexislatura e do Goberno de coalición.

"Ninguén entendería un posicionamento onde o adversario non fose, neste caso, a dereita e a extrema dereita que cuestiona todos e cada un dos días as nosas liberdades e os nosos dereitos sociais", concluíu Marta Lois.

Comentarios