18-F

Sumar propón o plan 'Recupera Talento' para que retornen 1.000 investigadoras galegas en catro anos

"Queremos que todo ese talento poida volver ao noso país, e para iso levamos un plan de retorno de talento", defende Marta Lois.
O reitor da USC, Antonio López, e a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois. (Foto: Sumar)
photo_camera O reitor da USC, Antonio López, e a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois. (Foto: Sumar)

A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta, Marta Lois, expuxo esta segunda feira algunhas das propostas da súa formación en materia universitaria, destacando especialmente o plan 'Recupera Talento', que ten por obxectivo o retorno de 1.000 investigadoras e investigadores galegos nos próximos catro anos, así como un plan estratéxico de valorización e transferencia do coñecemento.

En declaracións aos medios antes de reunirse co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, Lois defendeu que as propostas de Sumar pasan por "fortalecer o sistema público universitario". Así, resumiu dúas das medidas que levará a cabo se os galegos e galegas avogan polo "voto progresista" e hai cambio político "histórico" na Xunta.

En primeiro lugar, sinalou que "non é de recibo" que as universidades públicas galegas "invistan moito esforzo en formar a xente nova", un talento que despois "queda en universidades europeas, dos Estados Unidos, de Latinoamérica ou do Canadá".

"Queremos que todo ese talento poida volver ao noso país, e para iso levamos un plan de retorno de talento", salientou. Por outra parte, sobre o plan estratéxico de valorización, destacou que apostará porque as universidades conten con "recursos económicos de carácter estrutural".

Así, Marta Lois rexeitou as políticas "regresivas" para o sistema universitario levadas a cabo durante os últimos 14 anos, que foron, sinalou, "puntuais e por incentivos". Por iso, insistiu na necesidade dun orzamento "potente" e que teña "carácter estrutural".

"A universidade pública témola que facer entre todos e é motor de coñecemento e de desenvolvemento dun país. É motivo de orgullo apostar por esa universidade pública", aseverou.

Comentarios