18-F

Sumar cede ante Esquerda Unida e concorrerá en coalición o 18 de febreiro

Juanjo Rodríguez Castro, secretario de organización de Esquerda Unida, e Carme Casado Casado, membro da promotora de Sumar Galicia, foron as persoas encargadas de rexistrar a coalición.
Sumar Galicia rexistrou esta quinta feira a coalición. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sumar Galicia rexistrou esta quinta feira a coalición. (Foto: Nós Diario)

Movemento Sumar Galicia, Esquerda Unida e Verdes Equo presentaron esta quinta feira na Xunta Electoral da Galiza o escrito que oficializa a coalición Sumar Galicia, de acordo coa Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral. Un rexistro, por outra parte, que supón a confirmación oficial de que Podemos non fai parte da coalición, tal e como se decidira na consulta interna do partido morado.

Juanjo Rodríguez Castro, secretario de organización de Esquerda Unida, e Carme Casado Casado, membro da promotora de Sumar Galicia, foron as persoas encargadas de rexistrar a coalición. Foi Precisamente EU que apostou por unha coalición con Sumar -e que incluíse Podemos- mentres que Sumar avogaba por incluír esas forzas políticas pero non en coalición.

As listas

"A candidata á Presidencia da Xunta da coalición será Marta Lois e as listas electorais, plurais e representativas de todo o espazo político, daranse a coñecer nos vindeiros días", indica a coalición nun comunicado remitido aos medios na tarde desta quinta feira.

Segundo os representantes das forzas políticas asinantes, Sumar "é un proxecto político e cidadán que se presenta ás eleccións galegas coa vontade de transformar a sociedade galega".

Comentarios