O SLG pide un posicionamento claro dos partidos contra o TTIP

Considera que o grave impacto que suporía o acordo transatlántico en Galiza, o estado e Europa obriga a que as formacións que concorren o 26X expresen publicamente o seu posicionamento.

Plataforma cidadá de Ourense Non ao TTIP
photo_camera Plataforma cidadá de Ourense Non ao TTIP

O Sindicato Labrego Galego quer que as forzas políticas que concorren ás eleccións do 26 de xuño se posicionen publicamente a respecto do TTIP. “Que expresen claramente cal é a súa postura con respecto ao TTIP, pois de saír para adiante non só corren perigo os postos de traballo e o medio de vida de miles de familias na Galiza e na UE que viven da agricultura e da gandería, senón tamén a saúde das persoas”, explica o SLG para emprazar os partidos a un posicionamento público. Non é a primeira vez que este sindicato fai esta petición ás forzas que concorren a uns comicios, pois xa nas europeas de 2014 fixera un chamamento netse sentido.

A agricultura galega e europea está seriamente ameazada polo TTIP. Unha advertencia que realizaron recentamente nun informe Amigos da Terra e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego. Conclúen que o tratado comercial aumentará enormemente as importacións de produtos de EUA, mentres que os produtores da UE apenas se verán beneficiados polas exportacións. Diagnostica que a contribución da agricultura ao PIB europeo diminuiría un 0.8%. Con todo, a agricultura estadounidense verá aumentada a súa achega nun 1.9%, o que supón un beneficio neto de 4.000 millóns de euros para os intereses estadounidenses.

Prexuízos

Segundo este estudo, mentres as exportacións estadounidenses aumentan en practicamente todas as categorías alimentarias,en Europa cae a produción de arroz, trigo, cereais secundarios (como o millo), a froita, as noces, remolacha, bovino, porcino, etc. A supervivencia dalgúns sectores agrarios na súa totalidade está en xogo, como o da carne de vacún.

A isto engádese que desde certas entidades e organizacións dan por feito de que de se aprobar o TTIP, este poría na picota as perto de trinta denominacións de orixe de Galiza.

Comentarios