18-F

A transferencia da AP-9, os trens Avril e a saída sur chegan ao Senado en plena campaña electoral

A Cámara alta española aproba un compendio de reclamas ao Goberno español relacionadas coa Galiza, na única sesión que coincidirá temporalmente coa campaña dos comicios galegos

Pedro Rollán, presidente do Senado, esta terza feira. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Pedro Rollán, presidente do Senado, esta terza feira. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O pleno do Senado aprobou esta cuarta feira unha iniciativa do PP que insta o Goberno estatal a tomar diversas medidas nas infraestruturas da Galiza, á vez que deu luz verde a outra moción do PSOE na que se chama a continuar impulsando a industria no país, coincidindo ambas as dúas co período de campaña electoral para os comicios do próximo 18 de febreiro.

En concreto, a iniciativa do PP sumou tamén o apoio da senadora de UPN, mentres que o resto das formacións abstivéronse, salvo a parlamentaria de Más Madrid, que votou en contra.

O texto que finalmente saíu adiante pide ao Goberno español a transferencia á Xunta da Galiza da titularidade da autoestrada AP-9, ademais da posta en marcha do servizo de "suficientes trens Avril de rodadura desprazábel, que comuniquen as cidades galegas do Eixo Atlántico entre si e coa capital española con Alta Velocidade; así como entre Vigo e a cidade portuguesa do Porto".

Os outros dous puntos desta moción reclaman ao Goberno do Estado español o desenvolvemento do Plan Director do Corredor Atlántico Noroeste, a creación dun Plan de conservación integral dos firmes na Autovía do Noroeste (A-6), o deseño dun Plan de conservación extraordinaria para a posta a punto dos firmes das vías, a conclusión da Conexión Santiago-Lugo (A-54), a axilización da Circunvalación de Pontevedra (A-57), o inicio da Autovía da Mariña (A-74) e o eixo Ourense-Lugo.

E tamén piden que se redistribúan os fondos europeos non comprometidos polo Estado e outras comunidades autónomas.

A moción do PSOE

No caso da moción do PSOE, saíu adiante co apoio dos seus senadores e cos do PP e o resto da Cámara, salvo a abstención de PNV, ERC, Bildu, BNG e Junts, e co rexeitamento dos tres senadores de Vox.

O que reclama este texto é "continuar co impulso aos sectores industriais estratéxicos na Galiza través dos PERTES do automóbil eléctrico e conectado, naval, agroalimentario, de descarbonización e de semicondutores".

Así como "favorecer a promoción das enerxías renovábeis", manter "as liñas de modernización, sustentabilidade, internacionalización e innovación dos Portos do Estado na Galiza" e "seguir apoiando os proxectos de I+D+i das universidades galegas coa finalidade de que o coñecemento que xeran permita a súa transferencia ao conxunto dos sectores industriais".

Comentarios