Así transcorrerá a semana de investidura, a segunda de Alfonso Rueda

O sábado 13 tomará posesión do seu cargo na igrexa de San Domingos de Bonaval.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta quinta feira nos corredores de San Caetano após a reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

O líder do PP galego, Alfonso Rueda, que se converteu no sexto presidente da Galiza despois de relevar a Alberto Núñez Feixoo a mediados do pasado mandato, será investido por segunda vez a semana próxima no Parlamento. Farao agora co apoio das urnas, tras revalidar a maioría absoluta o pasado 18-F e lograr os populares 40 dos 75 escanos que conforman o hemiciclo galego.

BNG (con 25 deputados) e PSdeG (9) xa avanzaron que dirán 'non' na investidura ao considerar que un novo mandato de Rueda representa "máis do mesmo" e a continuidade de "receitas fracasadas", mentres que Armando Oxea (Democracia Ourensá) optou por manter o suspense sobre o sentido do seu voto. En todo caso, non será determinante posto que a maioría absoluta popular garante a Rueda a investidura.

Así, salvo sorpresa maiúscula, o pontevedrés volverá ser investido presidente da Galiza a semana próxima e tomará posesión do seu cargo o sábado na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se sitúa o Panteón de Galegos Ilustres. O parque de Bonaval será o escenario exterior do evento no que participarán numerosos convidados, entre os que se dá por segura a presenza do líder do PP e antecesor de Rueda na Xunta.

9 de abril

Previamente, o agora xefe do Executivo autonómico en funcións, como candidato á Presidencia da Xunta proposto polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, tras a rolda de consultas aos grupos, exporá o seu programa de goberno a partir das 9.30 horas da terza feira 9 de abril e por un tempo indefinido. Cando conclúa, de acordo coas pautas do regulamento, suspenderase a sesión durante 48 horas.

11 de abril

Xa a quinta feira 11 de abril retomarase o debate de investidura coa intervención dos grupos parlamentarios por un tempo de 35 minutos cada un. Intervirán Armando Oxea (DO), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en orde de menor a maior representación.

Pazos apoiará os compromisos do PPdeG, mentres os representantes de PSdeG e BNG, que censuraron a "parálise" na posta en marcha do novo Executivo, cuestionarán as 'receitas' de Rueda nos diversos ámbitos. Cuestións de actualidade como os plans de Altri ou a xestión dos contratos da pandemia estarán no debate, no que se estreará o deputado de DO.

Posteriormente, será de novo a quenda do candidato para a súa resposta. Os grupos poderán facer unha réplica de dez minutos e Rueda, de novo, unha dúplica e feche. Finalmente, votarase e proclamarase o resultado.

13 de abril

Unha vez investido presidente, o seguinte trámite será que o xefe do Lexislativo comunique a elección ao rei Felipe VI e ao presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez. Farao, se segue as pautas de anteriores ocasións, por vía telemática con firma electrónica.

Xa o sábado, tomará posesión do seu cargo como presidente. En maio de 2022 optou pola fórmula do xuramento e prestouno coa man de Estatuto de Autonomía, paso que podería repetir. O que non repetirá é a localización, xa que decidiu cambiar a sede do Parlamento pola igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se sitúa o Panteón de Galegos Ilustres.

Ademais do simbolismo histórico, tamén é un lugar memoria para os populares, posto que en ese mesmo enclave, o xa falecido presidente Gerardo Fernández Albor asumiu a Presidencia do Executivo galego na primeira lexislatura democrática de Galicia, o 21 de xaneiro de 1982.

Xa como presidente, de acordo coa intención que el mesmo manifestou, é previsíbel que o domingo Rueda designe aos membros que o acompañarán nos asentos do Consello da Xunta, polo que a Galiza fecharía a semana xa con novo Goberno

Comentarios