Rolda de contactos

O deputado de Democracia Ourensá non desvelará o seu voto até a investidura: "Imos manter un pouco a tensión"

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, iniciou coa recepción a Armando Oxea a rolda de consultas previa á investidura do presidente da Xunta

EuropaPress_5860681_presdiente_parlamento_galicia_miguel_santalines_recibe_diputado_democracia
photo_camera Miguel Santalices e Armando Oxea (Foto: Europa Press)

O deputado de Democracia Ourensá (DO), Armando Oxea, asegurou que non desvelará o seu voto até a sesión da investidura do presidente da Xunta. "Imos manter un pouco a tensión", sostivo. Oxea foi o primeiro dos representantes das forzas políticas con representación parlamentaria en participar esta terza feira na rolda de consultas iniciada polo titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, de cara á investidura do próximo presidente da Xunta.

Nesta sesión previsibelmente sairá elixido o candidato popular, Alfonso Rueda, que obtivo a maioría absoluta nas eleccións do pasado 18 de febreiro, polo que non sería necesario o voto a favor do parlamentario ourensán.

En declaracións aos medios após o encontro, Oxea destacou a cordialidade da cita mantida con Santalices, na que abordaron o calendario parlamentario, as liñas que manterá Democracia Ourensá na lexislatura.

Despois de lembrar que o propio presidente da Cámara galega é tamén ourensán, Armando Oxea subliñou que a prioridade de DO é reverter a situación de "discriminación" que vive a provincia. "Esperamos que nesta lexislatura, polo menos no sentido parcial, esta discriminación sexa cada vez menor", dixo.

Neste sentido, o parlamentario confiou en que o próximo Goberno da Xunta teña en conta a mensaxe trasladada polos electores da circunscrición ao situar á súa formación na Cámara galega. Aínda que destacou que xa ten decidido o sentido do voto e comunicoullo ao presidente da Cámara galega, asegurou que non o desvelará até a propia sesión de investidura co obxectivo de "manter un pouquiño a tensión".

Oxea asegurou a súa participación na xornada de constitución das comisións parlamentarias, que se desenvolveu esta segunda feira e na que asegurou que sse entiu "cómodo", fíxolle reafirmar o sentido do seu voto.

Ademais, preguntado se a postura foi acordada co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, dixo que el e o rexedor pensan "practicamente sempre o mesmo". Con todo, sinalou, neste caso, aínda que conversou co seu compañeiro de partido, a decisión é súa.

Comentarios