Parlamento | Rolda de contactos

Santalices propón Rueda como candidato á Presidencia: todo sobre o proceso de investidura

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, proporá a Alfonso Rueda Valenzuela como candidato á Presidencia da Xunta da Galiza. Así o decidiu o titular da Cámara após a rolda de contactos que esta terza feira mantivo cos representantes dos catro grupos parlamentarios e que o BNG e o PSdeG xa avanzaron o seu voto negativo á investidura do titular en funcións do Goberno galego.
Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro e Armando Oxea, esta terza feira, na rolda de contactos. (Fotos: Arxina)
photo_camera Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro e Armando Oxea, esta terza feira, na rolda de contactos. (Fotos: Arxina)

En apenas dúas horas o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, recibiu os representantes dos catro grupos parlamentarios existentes na Cámara a resultadas das eleccións do 18-F —PP, BNG, PSdeG e Mixto, integrado este polo único deputado de DO— para tratar a proposta de candidato á Presidencia da Xunta da Galiza. Unha vez concluída a rolda de contactos, e para sorpresa de ninguén, A Cámara anunciou que Santalices proporá Alfonso Rueda Valenzuela como candidato á Presidencia da Xunta.

DO: "Manter a tensión"

O deputado de Democracia Ourensá (DO), Armando Oxea, asegurou que non desvelará o seu voto até a sesión da investidura do presidente da Xunta. "Imos manter un pouco a tensión", sostivo. Oxea foi o primeiro dos representantes das forzas políticas con representación parlamentaria en participar na rolda de consultas. Oxea aproveitou para incidir en que a prioridade de DO é reverter a situación de "discriminación" que vive a provincia.

PSdeG: "Non é o candidato que queremos"

O portavoz parlamentario e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou o voto en contra da súa formación á investidura do aspirante popular á Presidencia da Xunta da Galiza, ao asegurar que "non é o candidato" que os socialistas queren para o país.

"O que lle trasladei [a Miguel Santalices] é que non imos apoiar o candidato do PP. Entendemos que lle apoia unha maioría absoluta pero, loxicamente, a nosa oferta e a nosa proposta para a Galiza para o vindeiros catro anos non pasa por propor como presidente da Xunta a Alfonso Rueda".

BNG: "Incapaz de defender a Galiza"

A líder e portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, afirmou que a súa formación votará en contra da nova investidura de Rueda, á vez que lle afeou "supeditar a axenda galega a vodas e festexos do PP", en referencia ao adiamento da sesión para non coincidir coa voda do lcalde madrileño.

Rueda representa, dixo, "un proxecto que repite receitas fracasadas e unha forza que leva moitas lexislaturas facendo que retroceda a Galiza". Ao líder do PP galego Pontón botoulle en cara a "incapacidade" para defender os intereses da Galiza á vez que situou o BNG como "alternativa clara" para a Galiza, un país que "necesita", concluíu, un Goberno que impulse medidas "diferentes".

PP: "É a vontade dos galegos"

O portavoz do PP na Cámara, Alberto Pazos Couñago, fechou a rolda de contactos. Pazos, nunha breve intervención, ratificou que Rueda terá o respaldo dos 40 deputados e deputadas populares e que, "nos prazos previstos", arrincará o mandato, conformarase o novo Goberno galego e traballarase "pola vontade dos galegos".

Un proceso que porá o ramo coa apertura da lexislatura

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, informará esta cuarta feira formalmente ao titular en funcións do Goberno galego, Alfonso Rueda, de que é o candidato á Presidencia do Goberno galego. O seguinte paso marcado no calendario do proceso de investidura será esta quinta feira, día 4, no que se reunirá a mesa da Cámara e a xunta de portavoces para tomar coñecemento oficialmente da proposta de candidato á Presidencia, organizar o debate de investidura e pechar a localización dos parlamentarios e parlamentarias no Parlamento.

A investidura en si propia comezaría a terza feira 9 de abril, cando o candidato presentaría o seu programa de Goberno. Dous días despois, 11 de abril, quinta feira, celebraríase o debate entre os grupos e o candidato e a votación. O resultado é previsíbel. O PP ten garantida a elección do seu candidato grazas aos seus 40 deputados e deputadas obtidos o 18-F, que lle dan por quinta lexislatura consecutiva a maioría absoluta.

O 13 de abril, sábado, tomará  posesión o presidente. Un acto no que Rueda quere estar rodeado da alta plana do PP español e dos seus homólogos populares nos outros territorios do Estado. Finalmente, a terza feira, día 16 de abril, tería lugar a sesión solemne de apertura da XII lexislatura do Parlamento galego.

Comentarios