O debate

Segue a ser determinante o actual formato de campaña electoral?

Finaliza unha nova campaña electoral e á espera das votacións e resultado do 28-M volve ser necesario preguntarse pola utilidade dos formatos actuais.
campaña electoral

Cristina M. Martínez, politóloga e analista

Campañas electorais e eficacia

cristina martinez

A nosa sociedade cambiou tremendamente desde a segunda metade do século XX. Como produto do desenvolvemento exponencial dos medios de comunicación e as novas tecnoloxías, non só se modificou a nosa forma de entreternos, relacionarnos ou informarnos, senón que a política tamén tivo que se adaptar aos novos tempos. Neste sentido, no ámbito político estes cambios deron lugar á aparición de novos profesionais dedicados ás relacións cos medios de comunicación, á análise de datos de enquisas, ou ao asesoramento en imaxe, telexenia, oratoria, redes sociais etc. Este proceso de profesionalización que se produciu dentro das formacións políticas nunca é tan visible como cando se trata de unha campaña electoral.

Para os partidos políticos, as campañas electorais son os períodos en que han de poñer en práctica unha serie de estratexias encamiñadas a maximizar os seus posibles beneficios electorais [...].

Por tanto, desde a perspectiva das formacións políticas, os efectos das campañas han de entenderse en termos de voto. 

Con todo, as estratexias que desde os partidos se poñen en marcha para conseguir o seu obxectivo, teñen tamén outra serie de consecuencias. O sentimento de eficacia política como o conxunto de percepcións e actitudes que teñen os individuos cara á política en xeral, e en particular sobre a súa capacidade de influír sobre a mesma.

Non existen estudos sobre o efecto que poden ter as campañas electorais sobre o sentimento de eficacia política dos cidadáns. Aínda que si se investigou acerca de cuestións relacionadas. As chamadas “teorías do videomalestar” ou “teorías do malestar”, ao soster que as campañas inciden negativamente sobre as actitudes políticas, parecen apoiar a hipótese de que as campañas inflúen negativamente sobre o sentimento de eficacia política.

Pola contra, as teorías que desafían a as anteriores, como a do “círculo virtuoso”, virían expor a posibilidade complementaria, isto é que as campañas favorecen o sentimento de eficacia política.

Non cabe dúbida de que durante as campañas danse certos elementos que, en teoría, poderían favorecer que os cidadáns se sentisen máis próximos ao sistema político, máis implicados no proceso político.

Influíron as campañas para as eleccións sobre o sentimento de eficacia política dos cidadáns? Análise e estudos de eleccións permítennos responder afirmativamente. 

As campañas electorais favorecen que os cidadáns se sintan involucrados no sistema político, ao promover o sentimento tanto de proximidade dos poderes públicos, como da propia capacidade para incidir no sistema.

As campañas electorais poden constituír un momento privilexiado de interacción entre os cidadáns e o sistema político, en que se lexitime o sistema, ao facer partícipes os votantes, a través da información sobre política e das chamadas á mobilización, que van incidir sobre como se percibe o sistema político e a propia relación co mesmo, favorecendo o sentimento de eficacia política, e promovendo, por tanto, a lexitimación do sistema. 

Neste sentido, unha conexión da democracia coas novas formas de comunicación política.

As campañas electorais, pois, inflúen. Se ben isto é distinto segundo idades, clase, nivel de estudos e outros condicionantes.


Damián Valle, sociólogo

As campañas convencen?

damián valle

Os cidadáns votan igual a como opinan? Convéncenos as campañas? Inflúen no seu voto? Estas preguntas e outras similares son comúns que aparezan ante cada campaña electoral. Como sosteñen os expertos “é no voto como o cidadán termina por expresar a súa propia opinión”, por iso é importante preguntarse polo menos en que medida a opinión pública se manifesta no comportamento electoral. Como se traducen as opinións en votos? Cal é o grao efectivo ou o nivel de información que sustenta as opinións que se traducen en votos? Ten peso a campaña nisto?

As opinións nas que se decide o voto ancóranse sobre todo nos grupos de referencia. Nesta representación, as mensaxes e informacións teñen pouca posibilidade de influír porque o elector é activo ao bloquealos, ao rexeitalos ou ao recodificalos de acordo á súa imaxe e conveniencia. Neste sentido, as campañas non inflúen. Non son capaces de entrar nesa franxa do electorado. E máis se cabe desde que as redes sociais permiten a cada persoa ter información "á súa medida", que lle garante informarse de acordo coas súas crenzas e opinións. Isto é o que se denomina desde un punto de vista da Ciencia Política "consenso pesimista" e que incide en que a propaganda electoral e a campaña non afecta, non inflúe en modo determinante.

En contraposición, está o "consenso optimista", que sostén que as opinións son principalmente “opinións informadas” ou opinións que interactúan coas informacións.

Fundan a racionalidade da opinión pública na dispoñibilidade da información que ten a cidadanía. A racionalidade é unha das propiedades distintivas da opinión publica xa que os cambios nas súas orientacións responden ao devir dos acontecementos e á dispoñibilidade efectiva de información, feito que demostra a súa capacidade para establecer xuízos coherentes ao longo do tempo. 

Finalmente entón, na medida en que se asimilan aos gustos as opinións que se expresan no voto, e na medida en que as preferencias políticas se entenden máis en función de sentimentos e disposicións que de preferencias razoadas, a campaña apenas inflúe nos electores e electoras. 

Con todo, se a opinión pública no seu conxunto pode ser considerada racional, si que hai marxe de xogo da man da propaganda e as campañas electorais. 

Sen embargo, admito ser pesimista. Estudos e análises teñen marcado unha franxa de entre 5% e 10% —como moito— o electorado que decide o seu voto en base á campaña electoral. Unha porcentaxe moi inferior á bolsa de indecisos que nuns comicios chega ás urnas e que en enquisas e sondaxes para este 28-M sitúan cerca do 20%. Pero que se declaren indecisos non quere dicir moitas veces que non saiban a quen votar. Poden non saber a opción en concreto mais si que o van facer en determinada clave (esquerda / dereita). Ou ben teñen moi claro a quen non van votar de ningún modo.

A campaña electoral hoxe en día non se circunscribe nas marxes e parámetros dunha campaña formal: duración de dúas semanas, debates regrados, xornada de reflexión, etc... senón que as redes sociais varreron con iso en boa medida.

E esa é unha característica deste século, no que esa "paracampaña" nas redes sociais e novas ferramentas comunicativas —e moitas veces á marxe das propias organizacións políticas— é quen de marcar voto e mesmo axenda política.

Comentarios