Santos antepón a decisión do grupo parlamentar sobre Quinteiro fronte á do Consello das Mareas

A líder de Podemos en Galiza argumenta que o grupo parlamentar é representativo da “pluralidade real” de En Marea fronte a un Consello das Mareas que se limita a selo “dunha parte”.

podemos carmen santos irene montero foto de Ourense en Común
photo_camera Imaxe: Ourense en Común

Carme Santos, líder de Podemos Galiza, non partilla a decisión do Consello das Mareas de pedir a demisión da deputada Paula Quinteiro, membro do partido que lidera Santos se ben na corrente ‘Anticapitalistas’.  O ‘affaire’ Quinteiro volve evidenciar as desavinzas, divisións e fracturas internas no partido instrumental. Sen ter en conta esas fendas non se entende o ‘culebrón’ no que a propia formación de En Marea está a enlamarse a raíz deste caso.

Esta sexta feira houbo dúas reunións, unha do grupo parlamentar e outra do Consello das Mareas para abordar a situación de Quinteiro. Na primeira optouse por non pedir a demisión da parlamentar; na segunda, si que se demandou ese paso. E Carme Santos  antepón a decisión do grupo parlamentar ao do Consello argumentando que no primeiro si que está representada a “pluralidade real” de En Marea mentres que no Consello das Mareas non. Aí, afirmou este sábado en Ourense, só hai representación “dunha parte”. Unha declaración que supón un cuestionamento deste órgano, ao que sitúa afastado de acoller todas as sensibilidades que conviven no partido instrumental.

Santos participu este sábado nun acto en Ourense sobre feminismos no que tamén tomou parte Irene Montero. Preguntada sobre este asunto, a deputada madrileña dixo que “teño entendido que [Paula Quinteiro] deu as explicacións pertinentes”.

“Linchamento”

Carme Santos tamén advertiu: “Non imos facer nunca o linchamento dunha compañeira”, ao tempo que pedía que se respectase “a lexitimidade que ten Paula para tomar as súas decisións, dar as súas explicacións e facer o que ela considere oportuno”.

O Consello das Mareas, máximo órgano da confluencia, demandou esta sexta feira a Paula Quinteiro que entregase a acta de deputada e que asumise responsabilidades políticas após se ver envolvida nun incidente coa policía local de Compostela. A decisión non contou co voto favorábel de Luís Villares, que optou pola abstención. Ese acordo non foi asumido pola maioría do máximo órgao da confluencia, hexemonizado polas correntes -nucleadas arredor de Cerna- que dan o seu apoio a Villares. Na votación, alén do máis, non estaban presentes as e os críticos, que abandonaron a reunión molestos por algunhas intervencións que xulgaron como ofensivas para Quinteiro.

Paula Quinteiro viuse envolvida nun incidente, na madrugada do sábado ao domingo, entre a policía local de Compostela e un grupo de mozas e mozos que supostamente terían provocado destrozos -a rotura de espellos retrovisores- en algúns vehículos estacionados na rúa. Quinteiro tería amostrado aos axentes o seu cartón de identificación como parlamentar. Segundo o atestado policial, ao que tivo acceso Europa Press, a deputada tentou dificultar a identificación dun dos mozos por parte dos policías. Ela negouno esta terza feira, aducindo que simplesmente tentara mediar entre uns e outros.

Comentarios