Turismo

Compostela defenderá en Fitur un modelo turístico "sostíbel, responsábel e con valor engadido"

A alcaldesa confía en implantar a taxa turística antes do remate do ano.
Turistas na praza do Obradoiro de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Turistas na praza do Obradoiro de Santiago. (Foto: Arxina)

O Concello de Santiago promocionará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) un cambio de modelo turístico cara a outro máis "sostíbel, consciente e responsábel", que achegue "valor engadido" á cidade. Así o explicou a alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín, que estará na feira que decorre en Madrid a partir desta terza feira xunto á concelleira de Turismo, Miriam Louzao.

Dado que Santiago "demostrou ser un destino moi maduro e moi consolidado", como "proban" os "máximos históricos" en pernoitas ou os datos do aeroporto Rosalía de Castro, o Concello apostará por expor o cambio de modelo que leva defendendo a corporación desde que entrou no Pazo de Raxoi. Buscarán así impulsar un turismo "máis asentado na comunidade local" e que se caracterice por unha "convivencia harmónica entre turistas e peregrinos cos veciños".

Nesta liña, esta cuarta feira presentarán en Fitur o vídeo da campaña 'Compostela fráxil', co que "se fomentará o turismo consciente e debullarase o código de boas prácticas". O vídeo dividirase en pequenas 'pílulas' para a súa publicación en redes sociais. Ese mesmo día participarán na comisión da Asemblea das Cidades Patrimonio, así como na propia asemblea na quinta feira.

Tamén terán voz nun foro organizado por Exceltur sobre o 'Propósito e compromiso cara ao turismo que todos queremos'. A caseta do Concello inclúese dentro do pavillón da Xunta da Galiza e alí continuarán coa promoción da cidade histórica, aínda que co foco en que sexa unha zona "viva", evitando o despoboamento e que se converta unicamente "nun centro turístico". "Cremos que iso é o que pode diferenciar a Santiago", aseverou Sanmartín.

Gastronomía e centro histórico "vivo"

Impulsarán, aliás, que as persoas turistas amplíen o seu radar e "visiten Santiago máis profundamente, non só a Catedral", e que se acheguen a lugares como a Colexiata do Sar ou o Castelo da Rocha. Tamén terá cabida o turismo gastronómico e o relacionado cos eventos culturais. "O obxectivo é ampliar e diversificar os fluxos turísticos", apuntou.

"Estamos nun momento en que Santiago de Compostela ocupa un lugar de vital importancia na proxección internacional da Galiza", defendeu a rexedora, motivo polo que apostarán "por ese reto de transformación do modelo turístico actual". "Sabemos que é unha tarefa que non é nin rápida, nin sinxela, pero é un reto que asumimos con responsabilidade", comentou.

A taxa turística, este ano

Un dos elementos nos que pivota este novo modelo é a taxa turística, e Goretti Sanmartín avanzou que a súa previsión é que se implante "antes de que acabe 2024". Actualmente trabállase no estudo no marco do plan de sustentabilidade turística no participan as tres administracións —Concello, Xunta e Goberno estatal—.

Malia recoñecer que se trata dun escenario "volátil" pola celebración das eleccións galegas o próximo 18 de febreiro e que "haberá que volver falar" tras a cita coas urnas, ve posíbel a taxa antes de que acabe o ano. "En calquera escenario posíbel, vémolo factíbel", afirmou.

Comentarios