Santalices dá por feita a continuidade de Feixoo e lígaa ao Xacobeo

O Goberno galego ten un proxecto. E un home para levalo adiante. Un home do que non se pode prescindir. Esa é a mensaxe que deitou este domingo o presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, nunha entrevista na SER. Santalices esqueceu o seu rol institucional e vestiu en todo momento a camisola de dirixente do PP.

santalices
photo_camera Santalices, nunha sesión parlamentar

A Feixoo "non lle queda outra" que se voltar a apresentar en 2020 á presidencia da Xunta —de a conseguir sería o seu cuarto mandato— porque en 2021 vai ter lugar unha nova edición do Xacobeo e ese, a xuízo de Miguel Santalices, "non é un asunto co que se poda xogar".

O Xacobeo2021 foi tamén un dos temas aos que dedicou maior atención Feixoo no recente debate do estado da nación. Fica así situada como a grande prioridade do seu goberno, moi por cima da necesidade de mellorar o financiamento do país ou o reforzo orzamentario duns servizos públicos moi tocados nos últimos anos a consecuencia dos recortes.

"Se Galiza o vai necesitar [a Feixoo], sempre vai dar o paso. E Galiza vaino necesitar porque por diante temos o Xacobeo, que ten que estar ben organizado", dixo.

Sobre o debate do estado da nación, dixo que se desenvolveu "dentro da normalidade" e, alén diso, valorizou a existencia de "propostas interesantes" por parte de "todos" os grupos da cámara.
 

Comentarios