Santalices asegura estar disposto a continuar como presidente do Parlamento: "É a miña segunda vida"

"Practicamente é a miña segunda vida, non coñezo outra situación. Por tanto, aí estaría contento", asegurou Santalices.
Miguel Santalices (Foto: Europa Press).
photo_camera Miguel Santalices, presidente do Parlamento galego (Foto: Europa Press).

O até o de agora xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, recoñeceu que está "a disposición" de continuar como presidente do Parlamento durante a XII Lexislatura que se estreará o 18 de marzo no Pazo do Hórreo. Aínda non falou diso co seu xefe de filas, Alfonso Rueda, pero estaría "contento" de seguir no cargo.

Santalices é o deputado máis veterano con asento no hemiciclo galego, onde entrou no ano 1997. En xaneiro de 2016 púxose á fronte da Mesa do Parlamento de Galicia en substitución da pontevedresa Pilar Rojo, quen deixou a Cámara galega para incorporarse ao Congreso en Madrid.

A preguntas dos medios nun acto en Santiago, Santalices asegurou que se sente "moi cómodo" no Parlamento, dado que coñece "as funcionarios, a toda a xente que traballa alí e os deputados". "Para min é unha contorna agradábel", apostilou.

"Practicamente é a miña segunda vida, non coñezo outra situación. Por tanto, aí estaría contento", engadiu, en relación a se desexaría continuar á fronte da Presidencia da Cámara.

Aínda non falou con Rueda

Dito isto, admitiu que non abordou a situación co presidente da Xunta da Galiza en funcións e candidato do PP, Alfonso Rueda. "Ese tema tocarase cando cumpra", sentenciou. Rueda e Santalices, segundo explicou este último, tampouco abordaron aínda as datas para a investidura, aínda que o líder do PP afirmou que quere que sexa "canto antes".

Fontes parlamentarias apuntaron que, tras a estrea da Lexislatura o 18 de marzo, os prazos darían para que Rueda fose investido presidente por segunda vez na contorna de Semana Santa, probabelmente a semana seguinte.

Comentarios