Todas as chaves da XII lexislatura: a crise do modelo benestar e a axenda económica marcarán a actividade parlamentaria

A apertura da XII lexislatura do Parlamento da Galiza non será efectiva até o 18 de marzo. Porén, as principais formacións xa traballan na definición das súas liñas de actuación. O funcionamento dos servizos públicos e a política económica serán os temas chaves no debate nos vindeiros catro anos.

Parlamen 1
photo_camera O Parlamento da Galiza, na rúa do Hórreo da capital galega, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

As análises postelectorais dos principais responsábeis das formacións políticas con presenza na Cámara galega deixan poucas dúbidas sobre as prioridades da vindeira lexislatura. Mentres o presidente do PP, Alfonso Rueda, avanza unha acción de Goberno marcada pola continuidade e articulada arredor dos eixos enunciados en campaña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compromete una oposición dirixida a pór solucións ás eivas do modelo galego de benestar. Ao tempo, o PSdeG, centrado nun proceso de debate interno derivado dos resultados electorais, aposta por traballar sobre as ideas forza do seu programa.

O funcionamento dos servizos públicos, particularmente da sanidade, está chamado a ser un dos temas chaves nos vindeiros catros anos. Os recorte de servizos e de persoal nos diversos niveis sanitarios, que teñen provocado a aparición de listas de agarda en Atención Primaria e o seu incremento en Atención Especializada, ameazan con intensificarse, nun contexto de envellecemento dos cadros de persoal e de redución do investimento sanitario.

A este respecto, nacionalistas e socialistas apostan por dotar de máis fondos os servizos de saúde, na liña do formulado durante a campaña, mentres os populares comprométense a manter as políticas actuais. Os colectivos en defensa da sanidade pública e os sindicatos do sector temen unha nova volta de porca nas medidas privatizadoras e mesmo avanzan a desaparición da especialidade de Pediatría de Atención Primaria.

O estado da educación

A educación ocupará un lugar chave nos debates da Cámara. Unha parte deles estarán vinculados á universalización e accesibilidade do ensino, unha vez que a vitoria do PP fecha a porta á gratuidade dos libros de texto, defendida por nacionalistas e socialistas, e abre o camiño á desaparición de novas unidades educativas, após o feche de 145 desde 2009. Ao tempo, a situación dos cadros de persoal dos centros escolares, cos horarios laborais máis levados do Estado canda Madrid, e a das ratios  nas aulas, que impiden mellorar a calidade educativa, apuntan a unha importante fronte de combate entre Goberno e oposición.

Os servizos sociais, o terceiro piar do Estado de benestar, xunto a educación e a sanidade, prevese que estean no centro da pelexa nos vindeiros catros anos. Nesta ámbito, as principais diferenzas céntranse no modelo de atención ao maiores e, concretamente, na xestión do servizo de axuda no fogar (SAF) e das residencias. Así, en relación ao SAF, as forzas da oposición reclaman unha maior dotacións de fondos, para que a Galiza deixe estar á cola do Estado en financiamento do servizo, defendendo o PP a continuidade dun modelo que considera eficaz. Pola súa parte, a xestión pública ou privada dos centros de maiores prevese que volva ser outra das liñas de confronto, entre a Xunta e o BNG e o PSdeG.

A política industrial

A política económica será outra das divisorias centrais na vindeira lexislatura. Nesta esfera, prevese que a política industrial e enerxética resulte un dos grandes cabalos de batalla no Parlamento após a perda de máis de 42.000 empregos no sector desde 2009 e nun escenario de transición enerxética cuestionado por importantes sectores da sociedade e cos grandes proxectos empresariais ligados aos fondos Next Generation paralizados. A este respecto, nacionalistas e socialistas sitúan como chave para os próximos catro anos o aumento da capacidade industrial da Galiza; porén, discrepan sobre os beneficiarios do modelo enerxético. Neste sentido, o PP aspira a darlle continuidade ás liñas formuladas na última década, cunha aposta por actividades de baixo valor engadido.

A intensificación da crise do sector primario está marcando o momento político. Se na xornada de onte eran os labregos e as labregas quen saían ás rúas tras meses de producir a perdas para rexeitar as políticas comunitarias e a indiferenza da Xunta ás súas demandas, nos últimos meses o protagonismo recaeu no mar, moi especialmente, no sector marisqueiro, quen padece unha crise inédita que cuestiona a continuidade da actividade. As reivindicacións destes colectivos serán das primeiras en chegar ao Parlamento, segundo comprometeron os grupos da oposición.

A calidade do emprego tense situado no primeiro plano para diferentes faixas da poboación, especialmente nos núcleos urbanos e vilegos, onde o PP rexistrou os seus peores resultados electorais. De feito, non é casual que o BNG e o PSdeG anunciaran en campaña iniciativas para aumentar o poder adquisitivo das galegas e dos galegos, cuxa formalización estará ligada a proxectos lexislativos e a unha mudanza na arquitectura  fiscal da Xunta.

O modelo de gobernanza

O modelo de gobernanza das institucións é outra das grandes fendas entre o PP e a oposición que se someterá a debate. Nacionalistas e socialistas defenden un cambio nas relacións entre a Xunta e as outras administracións non gobernadas polos populares. Ao tempo, avanzan propostas para cambiar o deseño dos medios públicos, co obxectivo de garantir a súa imparcialidade e a súa neutralidade informativa, na liña das reclamacións do persoal do ente público. Neste ámbito, os nacionalistas aspiran a un novo modelo de relacións entre o sector público e o privado, baseado na concorrencia, na transparencia e na seguridade xurídica.


Os resultados das eleccións fechan a porta a avanzar no autogoberno

Os resultados electorais dos comicios galegos e as súas derivadas no ámbito estatal non crean o escenario máis propicio para debater sobre un novo marco de relacións entre a Galiza e o Estado español, avanzar no desenvolvemento do actual modelo competencial e definir un novo modelo de financiamento.

A proposta de elaborar un novo estatuto para Galiza que supere o aprobado en 1981 deberá agardar nesta lexislatura. Malia que o BNG e o PSdeG defenderon nos seus programas avanzar nesa dirección, con alternativas diferenciadas pero que deixaban atrás o texto actual, nesta cuestión o PP non está disposto a que algo mude e aposta por continuar co deseño actual, mesmo con formulacións que chocan co carácter de nacionalidade histórica da Galiza definido na Constitución de 1978.

A transferencia á Galiza de novas competencias está paralizada desde o retorno do Partido Popular á Presidencia da Xunta da Galiza en 2009, non agardándose que os populares apoien os novos traspasos que o BNG e o PSdeG demandarán na nova lexislatura. Ao tempo, a cesión á Galiza da AP-9 pode abrir unha nova fronte, ante "falta de vontade" do Goberno de Sánchez -segundo ten criticado o BNG- a facela efectiva.

A aprobación dun novo modelo de financiamento autonómico, que substitúa o actual prorrogado desde 2014, semella complicado. O impacto da baixa electoral do PSOE na Galiza resta forza ao Executivo de Pedro Sánchez para enfrontalo e pode abrir a porta a un adianto electoral no Estado coincidindo cos vindeiros comicios cataláns.

Comentarios