Sanidade recoñece na Cámara que non convoca todas as prazas MIR

O Executivo propón médicos residentes para os PAC.
Desde este sábado 1 de abril elimínase a obriga de notificar as baixas laborais ás empresas.
photo_camera A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés propón botar man dos MIR de cuarto ano para que pasen consulta. (Foto: Nós Diario)

A Consellaría de Sanidade non sacou 105 prazas de médicos internos residentes (MIR) deste ano -convocou 620 de 725 dispoñíbeis- e as vacantes que non lanzou desde 2009 alcanzarían as 180 na especialidade de Medicina Familiar. Son os datos que achegou onte o deputado do PSdeG, Julio Torrado, na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego, na que compareceu o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa.

O responsábel de ACIS, pola súa parte, insistiu en resposta a estes datos en que a oferta MIR deste ano na Galiza é "a máis alta da historia", mais recoñeceu que hai vacantes e que "ningunha convocatoria" de "ningunha comunidade" recolle a totalidade das prazas que lle acredita o Goberno español.

A deputada do BNG Montse Prado, pola súa parte, afeou a Xunta que "devalúe o escaso autogoberno" que ten a Galiza e non exerza "a súa responsabilidade" cunha competencia transferida como é a sanidade.

Consultas con médicos residentes de cuarto ano

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés propón botar man dos MIR de cuarto ano para que pasen consulta nun punto de atención continuada (PAC) ou nun centro de saúde "sempre" con supervisión dun titor ou colaborador e por 1.950 euros ao mes adicionais ao seu salario.

A proposta responde á "dificultade na cobertura de prazas" de facultativos, confirmou a Consellaría de Sanidade despois de que a Asociación Galega de Medicamento Familiar e Comunitario (Agamfec) emitise un comunicado no que sinalaba a intención do Sergas de contratar residentes en formación "para cubrir prazas de persoal sanitario estatutario", unha "manobra" que este colectivo asegura é "contraria" á lexislación vixente.

Pola súa parte, a Consellaría defende a medida e asegura que xa no verán de 2022, tamén na área de Pontevedra, habilitáronse "medidas extraordinarias" para que os MIR de último ano "colaborasen", neste caso a través de gardas nos PAC.

"O seu programa formativo contempla a posibilidade de que os residentes poidan ter axendas propias nos últimos meses de residencia, a petición propia e cun informe favorábel da comisión de docencia", defende a Consellaría de Sanidade.

Comentarios