O derrotado José Manuel García deixa a acta como concelleiro

A sanchista Inés Rey será a candidata do PSdeG na Coruña

Conseguiu a virada a avogada Inés Rey no segundo round das primarias do PSdeG na Coruña. Segunda clasificada na primeira volta, foi quen de se impor no sprint final a José Manuel García, o portavoz socialista en María Pita. Fíxoo con clareza (215 votos a 178). A alta participación (77 por cento da militancia) caracterizou o duelo.

Ines Rey
photo_camera Inés Rey

Inés Rey tiña como principal apoio o do presidente da Deputación, Valentín García Formoso, crítico co secretario xeral Gonzalo Caballero e representante da liña sanchista. Conseguiu tamén o respaldo dos dous candidatos —Rafael Aranguena e Juan Ignacio Borrego— que ficaron eliminados na primeira volta das primarias. Tiña canda ela tamén a concelleira Yoya Neira, persoa moi próxima a Pedro Sánchez.

O candidato derrotado, o portavoz en María Pita José Manuel García, representaba grosso modo os sectores do partido liderados pola ex concelleira Mar Barcón, nostálxicos da etapa máis gloriosa do partido na Coruña, a encabezada por Francisco Vázquez (alcalde entre 1983 e 2006). Era a baza de Gonzalo Caballero, mais o secretario xeral do partido optou no confronto por un perfil baixo, probabelmente consciente do potencial interno de Inés Rey.


García non demorou en asumir responsabilidades políticas após a derrota e esta segunda feira anunciou o seu abandono da primeira liña: non só abandona a portavocía do PSdeG no salón de plenos do concello, senón que tamén entrega a acta de concelleiro.

Comentarios