Sánchez Izquierdo en tempo de desconto

Apuntan a Bieito Rubido como futuro director dos medios públicos galegos.
Plató TVG
photo_camera Plató TVG

Alfonso Sánchez Izquierdo mantense como director da Corporación de Radio Televisión da Galiza desde 2009. O candidato de Núñez Feixoo, sen máis apoio que o dos deputados e deputadas do Partido Popular sae elixido co obxectivo de fechar a etapa aberta nos medios públicos polo Goberno bipartito. A proposta rexeitada polos representantes nacionalistas e socialistas é presentada como transitoria e destinada a abrir un tempo novo, onde o máximo responsábel dos medios público sería elixido por un maioría cualificada do Parlamento da Galiza.

Alberto Núñez Feixoo non tarda en esquecer a súa promesa. Malia que en 2011 saca adiante na Cámara galega unha Lei de Medios ,onde fixa que o director xeral da Corporación de Radio Televisión da Galiza debe ser escollido polo Parlamento da Galiza co apoio, cando menos, de dous terzos dos deputados e deputadas, o presidente galego non vai propor a ninguén para esa responsabilidade en todo este período. Así as cousas, Sánchez Izquierdo continúa con carácter interino á fronte da principal compañía pública de comunicación da Galiza, cun salario que supera ao do propio Núñez Feixoo.

A etapa de Sánchez Izquierdo á fronte dos medios públicos galegos é cualificada como “negra” por parte dos traballadores e traballadoras da empresa. Así, a radio e a televisión galega convértense en dous instrumentos centrais na estratexia do Partido Popular para perpetuarse no poder. Ao tempo, os seus contidos son unha expresión do proxecto ideolóxico da dereita, divulgando nunha visión estereotipada dos galegas e das galegas e presentando ao país como unha sucursal ou apéndice. Asemade, a súa xestión caracterízase por unha dura persecución aos profesionais da compañía que apostan por unha canle pública sen ataduras e ao servizo dunha información de calidade.

Os días de Sánchez Izquierdo como máximo responsábel dos medios públicos están chegando ao seu fin. Neste sentido, a súa substitución por Bieito Rubido é un rumor persistente nos últimos meses nos círculos políticos e xornalísticos da Galiza e de Madrid. Rubido, que deixa a dirección do xornal ABC o 1 de setembro e xa fora proposta por Feixoo para o cargo en 2009 é unha das voces máis significadas da dereita mediática.

Un pacto pendente

O presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices facía un chamado a iniciar a lexislatura con grandes pactos de país. Un deses acordos pendentes pasa por axeitar o funcionamento da Corporación de Radio Televisión da Galiza ao fixado na Lei de Medios e avanzar na construción dunha radio e televisión autenticamente públicas e de calidade.

Comentarios